A Xunta anuncia unha rotonda en Cambados rexeitada polo PP nas emendas de En Marea aos Orzamentos para 2018

Por o 27/12/2017 | Sección: En Marea,Galicia,Política
A Xunta anuncia unha rotonda en Cambados rexeitada polo PP nas emendas de En Marea aos Orzamentos para 2018

En Marea cualifica de “hipocrisía política” a presentación do proxecto dunha nova rotonda na parroquia de Corvillón, en Cambados, anunciada onte in situ polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, logo de ser unha proposta de En Marea a través dunha emenda aos Orzamentos, rexeitada cos votos en contra do PP.

A emenda nº 114 do grupo parlamentario de En Marea no capítulo de Infraestruturas e Vivenda formulaba o desvío de 500 mil euros para a construción na estrada PO-549 á altura de Corvillón (Cambados), nun treito entre o cruzamento de Tragove e a rotonda que dá acceso á Vía do Salnés, un dos puntos de maior sinistralidade da rede viaria galega.

Comprobar que semanas máis tarde de ser rexeitada a súa proposta, a Xunta desvía 400 mil euros para a mesma obra rexeitada polo PP durante o debate orzamentario, é para En Marea outra mostra máis do “fariseismo ao que nos ten acostumados o equipo de Feijóo, empregando a cotío os recursos públicos e as institucións para facer política partidaria no canto de gobernar para a xente”.