A Xunta apoia a contratación de 252 desempregados menores de 30 anos en 165 entidades sen ánimo de lucro

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver estas axudas nas que inviste tres millóns de euros
Publicado por o día 07/12/2017 na sección de Emprego

A Xunta apoia a contratación de 252 desempregados menores de 30 anos en 165 entidades sen ánimo de lucro

A Xunta inviste 3 millóns de euros para apoiar a 165 entidades sen ánimo de lucro na contratación de 252 desempregados menores de 30 anos co obxectivo de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que lles facilite a súa inserción no mercado de traballo.

As axudas, que vén de resolver a Consellería de Economía, Emprego e Industria, forman parte do sistema de Garantía Xuvenil e inclúen apoios ás entidades que oscilan entre os 8.617 euros e 17.234 euros. As axudas, polo tanto, van dirixidas ás entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, preferentemente no eido da discapacidade e/ou risco de exclusión social.


O fin último do programa é a contratación de persoas menores de 30 anos que realizarán fundamentalmente servizos de carácter social relacionados co ámbito da discapacidade e a atención ás persoas maiores, nenos ou persoas en risco de exclusión social. Así mesmo, as persoas contratadas poden realizar labores de carácter empresarial, culturais, deportivos, de tempo libre e vinculados á mocidade en xeral. As persoas contratadas deberán estar desempregados e inscritas no ficheiro do Sistema de Garantía Xuvenil.

Esta convocatoria de axudas enmárcase na Axenda 20 para o Emprego coa que o Goberno galego está impulsando o traballo estable e de calidade. Un dos retos principais desta planificación da Xunta é apoiar ás persoas con máis dificultades para atopar un posto laboral. De feito, este mesmo ano destináronse 8,1 millóns de euros para contratación en xeral de 500 traballadores en 235 entidades sen ánimo de lucro.

A actuación, ademais, complementa outras iniciativas que ten en marcha a Consellería de Economía, Emprego e Industria para colaborar coas entidades sen ánimo de lucro, entre as que destacan o programa de contratación de axentes de emprego, profesionais que axudan ás persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social a atopar un posto de traballo.