A Xunta apoiará a preto de 200 persoas con discapacidade a través das axudas para asistencia e promoción da autonomía

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a convocatoria destas axudas para 2017
Publicado por o día 11/04/2017 na sección de Social,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta apoiará a preto de 200 persoas con discapacidade a través das axudas para asistencia e promoción da autonomía

A Xunta de Galicia publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde para as axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, a persoas con discapacidade. A administración autonómica dotou a esta orde, financiada nun 80% polo Fondo Social Europeo, dun crédito inicial de 221.126,38 euros destinado a atender as solicitudes que se presenten e que está aberto a ampliación no caso de que sexa necesario. A administración autonómica prevé beneficiar con esta convocatoria de axudas a máis de 170 persoas.

Deste xeito e a través desta orde as persoas beneficiarias poderán acceder a servizos de promoción da autonomía persoal tales como fisioterapia, formación prelaboral (habilidades básicas e polivalentes para o emprego), atención psicolóxica, logopedia, entre outros, así como servizos complementarios de asistencia persoal.

Poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 10 de decembro de 2017 e poderán ser beneficiarias desta orde as persoas que teñan recoñecida un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Así mesmo, considerarase que cumpren con este requirimento os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez; e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

Tamén poderán optar a solicitar as axudas reguladas nesta convocatoria as persoas que solicitasen o recoñecemento do grao de discapacidade con anterioridade á data de publicación desta convocatoria, quedando condicionada a percepción da axuda a que lles sexa recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. En canto ás persoas solicitantes de servizos complementarios de asistencia persoal serán necesario ademais que estas teñan recoñecida a prestación de asistencia persoal (PIA) a través do sistema para a autonomía e atención á dependencia (SAAD).

Prazos

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel, no rexistro do concello ao que correspondan os servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa solicitante, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos.

O prazo para a súa presentación será de un mes, contado a partir da xornada de mañá.