A Xunta aposta pola investigación para que Galicia siga sendo referente no eido marítimo-pesqueiro

Este ano o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, Intecmar, conta cun orzamento de preto de 3 millóns de euros e mantense por enriba da media dos últimos cinco anos
Publicado por o día 14/03/2017 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta aposta pola investigación para que Galicia siga sendo referente no eido marítimo-pesqueiro

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta mañá en Vigo na actividade Embárcate con el IEO, organizada con motivo do centenario do Centro Oceanográfico de Vigo. Alí destacou o compromiso da Xunta de “apuntalar a investigación como elemento clave e diferenciador que permita que Galicia manteña a súa elevada posición no eido da competitividade da actividade marítimo-pesqueira”.

Neste sentido, a titular de Mar sinalou que é importante “fomentar a coordinación da actividade investigadora desenvolvida por todos os centros radicados en Galicia”. A Xunta promove esta colaboración co sector, explicou, a través do deseño e execución de iniciativas que aposten pola I+D+i, de proxectos con organizacións sectoriais, coas tres universidades públicas ou coa dotación de máis apoios técnicos e materiais a organismos como o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) ou o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar.

Estes dous centros dependentes da administración autonómica “demostraron estar á vangarda europea e mundial na investigación no eido marítimo-pesqueiro”. Un eido, subliñou, “no que debemos ir máis alá e reforzar a vía que nos deu bos resultados estes anos”. Así sinalou, este ano “a Xunta destina ao Intecmar preto de 3 millóns de euros, unha cifra moi próxima á de 2016, matizada pola menor necesidade actual de dotación de medios de análise”, explicou. Deste xeito, engadiu, o orzamento do Intecmar segue manténdose por enriba da media dos últimos cinco anos.

En relación ao Cetmar, Rosa Quintana, destacou que se incrementou o seu orzamento en arredor dun 13%, superando os 4 millóns de euros. Ademais sinalou que dende o 2009 incrementou a cantidade de fondos vinculados aos proxectos que xestiona, pasando dos 50 millóns de euros aos preto de 200 millóns de euros en 2016.

Na coordinación da actividade investigadora é clave “o impulso da tripla hélice do sector pesqueiro, a ciencia e a administración pública” e “traballar en común e avivar o espírito de co-gobernanza e aprendizaxe polo ben do sector”, sinalou. Por iso, engadiu, “mantemos os fondos de investigación, de máis de 1,5 millóns de euros, e incorporamos unha nova partida de 50.000 euros para fomentar a asociación entre os investigadores e os traballadores do mar”.

Ademais a conselleira valorou a importancia do Centro Oceanográfico de Vigo como centro de investigación próximo á sociedade e “cunha clara orientación das súas investigacións aos problemas dos sectores da pesca e da acuicultura”.

Actividades centenario

A actividade Embárcate con el IEO consiste nunhas xornadas de portas abertas a bordo do buque “Ángeles Alvariño”, da frota oceanográfica española. Está orientada a cursos de Educación Secundaria e desenvolverase entre o 14 e o 17 de marzo. Esta actividade é unha das que está a desenvolver o Centro Oceanográfico de Vigo con motivo do seu centenario.