A Xunta aposta por unha sanidade aberta á sociedade, que achegue os servizos ás persoas e responda ás necesidades actuais da cidadanía

No Fórum Europa, destacou o reto de contar cun modelo eficaz, sostible e de confianza, encarando esta etapa como unha oportunidade para abrir á cidadanía os servizos e achegar as prestacións en igualdade en calquera lugar do territorio, con especial atención ao rural
Publicado por o día 31/03/2017 na sección de Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta aposta por unha sanidade aberta á sociedade, que achegue os servizos ás persoas e responda ás necesidades actuais da cidadanía

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asegurou que o Servizo Galego de Saúde avanza cara un modelo sanitario cada vez máis aberto á sociedade, con servizos que teñan o compoñente comunitario inherente ás necesidades dos cidadáns que demandan a atención. Neste sentido, apostou por unha maior prevención, máis diagnósticos e tratamentos precoces, máis tratamentos ambulatorios e máis comunicación coa poboación.

Nunha intervención no Fórum Europa, destacou o reto de contar cun modelo eficaz, sostible e de confianza, encarando esta etapa como unha oportunidade para abrir á cidadanía os servizos e achegar as prestacións en igualdade en calquera lugar do territorio, con especial atención ao rural. Os catro piares deste obxectivo principal, que é mellorar a saúde dos cidadáns, deben ser, segundo explicou, unha atención integral adaptada ás necesidades, profesionais comprometidos e coidados pola organización, unha xestión eficiente para contribuír á sustentabilidade e a mellora de infraestruturas e equipamentos.

Atención Primaria como elemento clave na asistencia

O conselleiro asegurou que a Atención Primaria é o elemento fundamental sobre o que ten que pivotar o novo modelo de atención que se debe ofrecer ao paciente galego, para o que é preciso avanzar na prevención para evitar patoloxías ou agravamentos, modificando os estilos de vida.

Para iso, sinalou, existen programas como Fogar Dixital: Hospital na Casa, nos que o paciente ten determinadas variables controladas no seu propio domicilio que permiten aos profesionais de Primaria facerlle un seguimento constante, non só cando demanda presencialmente a asistencia no centro de saúde. “Isto require definir un novo modelo de Atención Primaria máis proactivo, coa incorporación efectiva das novas tecnoloxías de comunicación e información tan potentes e tan desenvolvidas en Galicia”, asegurou.

No mesmo eido funcionan as unidades de hospitalización a domicilio, que entroncan coa filosofía de que o enfermo permaneza no seu contorno sempre que sexa posible e no marco do cal en 2016 foron atendidas case 5.700 persoas. Tamén neste ámbito destacou a mellora das prestacións que se ofrecen nos hospitais comarcais, xa que desta maneira se evita o desprazamento dos pacientes para recibir tratamento nos hospitais de referencia. Así, a mellor organización, a través da xestión integrada, fai posible que se poidan realizar consultas de determinadas especialidades nos hospitais comarcais, ao desprazarse os especialistas dos centros máis grandes, en lugar de facelo os pacientes.

Vázquez Almuiña falou tamén de programas como a consulta telefónica e o programa Conecta-72, cun total de preto de 5,4 millóns de consultas, das que o 99,8% se puideron resolver sen necesidade de desprazamento do paciente; e a e-interconsulta entre Primaria e Especializada, cunha actividade crecente: case 59.000 en 2014 e máis de 86.000 en 2016.

Do mesmo xeito, a plataforma dixital É-saúde -que conta xa con máis de 18.000 usuarios- permite acceder a servizos interactivos e contidos personalizados de saúde dende calquera dispositivo conectado a Internet, sen necesidade de desprazamentos.

Humanización da asistencia

Humanizar a asistencia, dixo, significa xuntar as dúas partes inseparables dunha boa atención: a capacitación científico técnica dos profesionais e a aproximación humanística ao paciente. Neste sentido, a Consellería desenvolveu o modelo para a mellora do trato denominado Código Amable, que busca mellorar os aspectos que teñen que ver con dimensións cualitativas da calidade, como a información, a confidencialidade, o trato ou a accesibilidade aos servizos por parte dos pacientes.

Con el quérese satisfacer as necesidades dos usuarios, fomentar a calidade de trato, proporcionar información comprensible, imprimir seguridade e confianza, sumar a calidade humana coa calidade técnica e científica e incrementar a confortabilidade nos centros sanitarios.

Así mesmo, a tarxeta AA favorece a accesibilidade a determinados servizos sanitarios dos pacientes diagnosticados de certas patoloxías -trastornos do espectro autista, Alzheimer, parálise cerebral e discapacidade cerebral grave asociada a trastornos graves de conduta e dificultades de comunicación- e posibilita o acompañamento dos seus familiares ou coidadores. Máis de 4.000 persoas benefícianse xa desta tarxeta.

Infraestruturas sanitarias e tecnoloxías da comunicación

O titular de Sanidade indicou tamén que nos últimos anos, incluso en plena dificultade económica, construíronse grandes obras como os novos hospitais de Lugo e de Vigo e leváronse a cabo reformas en moitos dos centros da rede sanitaria galega. Neste apartado, o Sergas apostou por un plan de renovación integral a través dun sistema colaborativo mediante o concurso Socio Tecnolóxico que permite, durante estes oito anos, acceder ás tecnoloxías máis innovadoras da imaxe, incluíndo tanto as áreas de radioloxía, tomografía, mamografía ou resonancia, como as de tratamento, coa dotación de equipos de última xeración en Oncoloxía radioterápica.

Sobre a compra pública innovadora, indicou que incentiva a innovación e a I+D no sector privado e responde ás necesidades do sistema sanitario con solucións tecnolóxicas que achegan un valor engadido significativo tanto aos profesionais e aos pacientes. O Sergas realizou nestes últimos anos 33 contratacións nesta modalidade por un importe de 27,4 millóns de euros, cun novidoso diálogo técnico co mercado no que participaron máis de 140 empresas, centros tecnolóxicos, fundacións e universidades na definición destes proxectos de innovación. Froito deste diálogo proxectáronse de forma planificada, a través dun mapa de demanda temperá, as contratacións, coa posibilidade de que as empresas se anticiparan e puideran xerar propostas e solucións máis competitivas.

Actualmente o proxecto que se está a desenvolver neste eido é o Código 100, cun orzamento global de 13 millóns de euros e que busca mellorar diagnósticos para unha maior personalización dos tratamentos; aumentar o empoderamento dos pacientes na xestión da súa saúde e coidados; e desenvolver ferramentas informáticas e contidos que potencien as capacidades dos profesionais e xestionen o seu coñecemento para beneficio do sistema sanitario no seu conxunto.

Tamén no eido das TICs estase a implementar unha plataforma de explotación de datos  clínicos baseada na tecnoloxía de big data, con grupos de traballo validando estudos realizados sobre distintas patoloxías e que permitirá utilizar a potencia da ferramenta para definir os indicadores baseados en resultados de saúde e empregalos no campo da mellora da asistencia sanitaria e facilitar información anonimizada para proxectos de investigación, ofrecéndolles aos investigadores a posibilidade de utilizar esta plataforma para configurar os estudos.

Outros dos proxectos desenvoltos grazas á incorporación efectiva das tecnoloxías da información e comunicación son o Plan Ictus, que posibilita a redución do tempo de atención e asistencia entre o inicio do ictus, a confirmación diagnóstica e o comezo dun tratamento especializado; ou o programa Acude e Axuda, que permite unha atención integral a todo o proceso de parada cardiorrespiratoria, non soamente ao manexo do desfibrilador, mobilizando voluntarios.

Profesionais

Por último, o conselleiro salientou que o 80% do persoal do Sergas ten un nomeamento estable e que se está a traballar coas organizacións sindicais para acadar aínda maiores cotas neste ámbito. Por iso se está negociando un plan de estabilidade que implica como primeira medida, a 1 de abril, ofrecer 438 prazas para interinidades, e a medio prazo un número similar para incrementar esa estabilización. Este ano Sanidade podería chegar a ofertar en OPE arredor de 820 prazas para a súa cobertura con persoal estatutario fixo, facendo un concurso de traslados previo.