A Xunta aproba as axudas para poñer en marcha 30 novas casas niño no rural

Feijóo afirma que esta convocatoria, dotada con 2,4 millóns de euros, se publicará no DOG nas vindeiras semanas, co obxectivo de que cada casa niño atenda un máximo de cinco nenos de xeito simultáneo, cun horario flexible.
Publicado por o día 08/06/2017 na sección de Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta aproba as axudas para poñer en marcha 30 novas casas niño no rural

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación das axudas para poñer en marcha 30 novas casas niño no rural.

Feijóo explicou que esta convocatoria, que conta cun orzamento de 2,4 millóns de euros, se publicará no DOG nas vindeiras semanas, co obxectivo de que cada casa niño atenda un máximo de cinco nenos de xeito simultáneo, cun horario flexible e as máximas garantías de calidade. E, estes fogares ofrecerán atención diúrna de luns a venres, nun máximo de oito horas diarias para cada neno e un horario que será pactado co profesional.

Esta liña de axudas está destinada a aquelas persoas ou cooperativas de traballo que queren instalar unha casa niño no concello onde residen. E, para acceder a elas, deberán dispoñer dun título de técnico superior en educación infantil; de grao en educación infantil ou primaria, psicoloxía, pedagoxía ou educación social; formación ou experiencia profesional acreditada en atención á infancia; ou ben o diploma que acredita ter realizado o curso de formación para casas niño que imparte a Xunta.

Así mesmo, a vivenda na que se instalará a casa niño debe cumprir os seguintes requerimentos: ter sistema de calefacción con protección dos elementos calefactores; unha sala con iluminación e ventilación naturais e un mínimo de 4 metros cadrados por menor; unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene infantil; outra zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos; elementos de protección de enchufes, portas e ventás; e mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos.

Ademais, deberán dispoñer dun plan de actuación cos nenos para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na Casa Niño. E os nenos que acudan deberán estar empadroados no concello no que se emprace este tipo de fogar, ou nun concello limítrofe onde tampouco existan recursos de atención á infancia de 0 a 3 anos.

Esta convocatoria de axudas subvencionará a reforma e adaptación da vivenda, o seu equipamento e a prestación do servizo, cunha axuda máxima para reformar e equipar cada casa niño de 15.000 euros, mentres que a achega pola prestación da atención personalizada consistirá nunha prima de 19.600 euros ao ano.

Ao longo da rolda de prensa, o titular da Xunta subliñou que a día de hoxe, hai en Galicia 67 concellos de menos de 5.000 habitantes que cumpren estes requisitos e nos que se podería instalar unha casa niño.

Así mesmo, Feijóo lembrou que en 2016 entraron xa en funcionamento as 30 primeiras casas niño de Galicia: unha na Coruña; oito en Lugo; dezaoito en Ourense; e tres en Pontevedra.