A Xunta asina un convenio co Sergas, sobre as listas de agarda da dependencia, sen contar cos EVO

O comité intercentros estuda accións legais para deixar sen efecto o convenio e protexer tanto o persoal dos EVO como as persoas usuarias
Publicado por o día 02/08/2017 na sección de Sanidad,Sindicatos

A Xunta asina un convenio co Sergas, sobre as listas de agarda da dependencia, sen contar cos EVO

O presidente da Xunta de Galicia anunciou nos medios de comunicación o asinamento dun convenio co Sergas para que persoal deste organismo autónomo se encargue de realizar as funcións de valoración da dependencia. As organizacións sindicais CCOO, UGT, CIG e CSIF, integrantes do comité intercentros do persoal laboral da Xunta de Galicia, denuncian escurantismo, falta de investimento en dependencia e incumprimento da normativa. Lembran tamén que, do punto de vista legal, as valoracións só as pode facer o persoal propio da Consellaría de Política Social.

Para os sindicatos, o escurantismo caracteriza o convenio anunciado pola Xunta, un parche ante o problema de falla de persoal e de cobertura de postos nos equipos de valoración e orientación (EVO). A Administración pretende suplir a carencia mediante unha encomenda de xestión externa aos médicos do Sergas.

O problema de fondo é a falla de investimento no desenvolvemento da lei de dependencia. A carencia de persoal nos equipos propios da Consellaría de Política Social orixinou que nalgunhas provincias xa se superen os 12 meses de agarda, polo que moitas persoas dependentes, pendentes de valoración e cuxo grao de discapacidade supera o 33 %, xa poderían iniciar recursos contra a Administración por desatención grave.

As organizacións sindicais defenden a alta cualificación dos profesionais do Sergas. Porén, lembran que non poden realizar as funcións doutros profesionais especializados en valoración da dependencia (médicos/as, psicólogos/as e traballadores/as sociais dos EVO da Consellaría de Política Social), porque se incumpriría o disposto no Real Decreto 1971/1999 —modificado polo Real Decreto 1364/2012— de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de minusvalía, normativa que regula a composición dos órganos técnicos que terán que estar formados ao menos por un/unha médico/a, un/unha psicólogo/a e un/unha traballador/a social utilizando criterios interdisciplinarios.

É, por tanto, obriga do comité intercentros —órgano de representación do persoal laboral da Xunta de Galicia— informar a cidadanía das consecuencias negativas que vai orixinar este convenio a todas as persoas usuarias dos EVO, pois:

— Contradí o RD 1971/99 no relativo a composición dos órganos (medico, traballador social e psicólogo) e a interdisciplinaridade (ao non valorar a persoa de xeito integral no seu aspecto bio-psico-social).

— Descontextualízase e fragméntase o proceso de valoración, convertendo o acto cualificador e de valoración nun acto burocrático e impersoal, coa imposibilidade de contrastar a información obtida polo órgano de valoración e a realidade funcional do solicitante concreto, incrementando deste xeito as posibilidades de erro.

— Pérdese a obxectividade dos informes, que non poderán ser contrastados polos órganos de valoración. Faranse sobre o papel, sen darlles a oportunidade de explicar como inflúen as súas doenzas na súa vida cotiá.

— Elimínase a rigorosidade na cualificación social, xa que, por un lado, se requirirá o recoñecemento directo do usuario coa correspondente entrevista e, por outro, valorarase en base aos informes pertinentes, non ofrecendo a estes últimos a información, asesoramento e orientación necesarios.

Por todo isto os sindicatos CCOO, UGT, CIG e CSIF, integrantes do comité intercentros esíxenlle á Xunta de Galicia e á Consellaría de Política Social:

— A cobertura inmediata de todos os postos vacantes, así como a creación daqueles que sexan necesarios, nas distintas Xefaturas Territoriais, para reducir as listas de agarda, que o propio Goberno propiciou coa súa inacción en materia de dependencia.

— Que respecte a profesionalidade do persoal propio dos EVO, e non provoque co posible convenio situacións que poderían ser ilegais ou contrarias ás boas prácticas deontolóxicas, pois non se lle pode esixir a uns profesionais que validen un traballo que non realizaron.

— Que desistan da súa intención de derivar funcións aos médicos do Sergas, que deben realizar única e exclusivamente os profesionais dos EVO de Política Social.

O comité intercentros estudará todas as posibilidades para emprender as accións legais oportunas e así deixar sen efecto o convenio. Con isto quérese protexer os profesionais dos EVO “obrigados” a incumpriren premeditadamente a normativa en materia de valoración do grao de discapacidade, poñendo en risco un servizo público, obxectivo e rigoroso co conseguinte prexuízo para as persoas usuarias.