A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presentou esta mañá en Vigo, ante o sector aeronáutico galego asistente á xornada técnica Presente e futuro da Tecnoloxía UAVs: procesos de fabricación, os resultados acadados ata agora pola Civil UAVs Initiative, o programa para desenvolver un Polo tecnolóxico e Industrial arredor dos vehículos non tripulados en Galicia. Na xornada participaron tamén o presidente do Consorcio Aeronáutico Galego (CAG), así como representantes do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e do Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales (FADA CATEC) de Andalucía para expoñer o estado da tecnoloxía e as experiencias e proxectos nos que están a participar en Galicia.
Argerey informou aos asistentes sobre os resultados acadados ata agora en cada un dos programas da iniciativa: o programa de I+D e o programa de solucións. No primeiro caso, a Xunta de Galicia está a desenvolver conxuntamente coas empresas Indra e Babcock 20 proxectos de investigación e desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras baseadas en vehículos non tripulados para mellorar a prestación de determinados servizos públicos. Estes proxectos están vencellados a tres plataformas aéreas e unha mariña: a aeronave opcionalmente non tripulada Targus xa está percorrendo a pista sen piloto; en setembro botouse o dron mariño de Indra; finalizouse o desenvolvemento do dron de ala rotatoria LUA, do que xa se fabricaron 3 prototipos e se está iniciando a fase de ensaios avanzados; e o helicóptero LUMES xa está en probas.
Neste programa están participando 30 empresas e centros de coñecemento galegos a través de 17 contratos que están a mobilizar 17,4 millóns de euros e empregando a 169 persoas. A directora de GAIN indicou que proximamente se construirán os hangares de Indra e Babcock en Rozas e se desenvolverá un plan director para prever o futuro desenvolvemento da área. Tamén está previsto para 2018 a posta en marcha dun programa de aceleración específico para o sector aeroespacial, orientado a identificar ideas ou proxectos procedentes de todo o mundo que poidan ter interese en Galicia e contribuír así a xerar actividade económica arredor da iniciativa.
En canto ao programa de Solucións, co que se busca mercar solucións tecnolóxicas a retos plantexados pola Administración autonómica baseados en vehículos non tripulados, actualmente atópanse licitadas 8 contratacións e outras dúas máis están pendentes en tres ámbitos estratéxicos para Galicia: os recursos acuáticos, o territorio e o tráfico aéreo, por un importe total de 17,3 millóns de euros. 79 consorcios formados por unhas 150 entidades presentaron mostras de interese de participar nas licitacións abertas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.