A Xunta chama á responsabilidade no cumprimento dos servizos mínimos na folga de transporte e o respecto aos dereitos dos traballadores e ás necesidades dos escolares

A afección aos servizos está a ser moi superior porque hai piquetes que están a vulnerar os dereitos dos traballadores impedindo a saída de autobuses
Por o 20/06/2017 | Sección: Galicia,Protestas,Xunta de Galicia
A Xunta chama á responsabilidade no cumprimento dos servizos mínimos na folga de transporte e o respecto aos dereitos dos traballadores e ás necesidades dos escolares

A Xunta de Galicia chama á responsabilidade para facer posible o dereito á folga co cumprimento dos servizos mínimos establecidos e o respecto ás necesidades dos escolares e das súas familias, así como aos dereitos dos traballadores que decidiron acudir hoxe aos seus postos de traballo.

Ante a convocatoria sindical de dúas xornadas de folga de transporte público nas xornadas de hoxe, 20 de xuño, e mañá, 21 de xuño, o Diario Oficial de Galicia publicou onte a orde pola que se regulan os servizos mínimos que deben manterse.

Desde a necesidade de garantir o dereito básico á educación, esa orde establece que se manteñen como esenciais os servizos de entrada aos centros desde as 7.30 horas da mañá ata as 10.30 horas e os de saída desde as 13.40 ás 19 horas nos itinerarios de transporte escolar de estudantes de niveis de ensino obrigatorio cuxa lonxitude total sexa superior a 4 quilómetros.

Sen embargo, na xornada de hoxe tense constatado un incumprimento dos servizos mínimos establecidos para o transporte escolar de preto do 65%, con máis de 65.000 afectados en toda Galicia.

Os datos provisionais proporcionados tan só por parte das empresas de transporte cifran nun 40% o seguimento de traballadores do paro, se ben a afección aos servizos está a ser moi superior porque diferentes piquetes están a vulnerar os dereitos dos traballadores impedindo a saída de autobuses das estacións.

Os servizos mínimos establecidos para o transporte xeral están a rexistrar tamén un elevado grao de incumprimento, próximo ao 75%.

A Consellería de Infraestruturas mantén a súa oferta de diálogo aos traballadores para analizar os aspectos laborais do Plan de transporte e a súa disposición a analizar as propostas da patronal. Así mesmo, empraza aos empresarios do transporte a negociar cos traballadores a renovación dos convenios colectivos.

O Plan elaborado polo Goberno galego supón unha reordenación do actual sistema de concesións de transporte naquelas zonas afectadas polas renuncias empresariais. As liñas de transporte agrúpanse nun total de 42 contratos comarcais viables que terán vixencia ata 2019.

Un dos grandes obxectivos deste plan é o mantemento dos postos de traballo do sector, afectado polas renuncias das empresas a seguir prestando máis de 500 liñas de autobús a partir do vindeiro mes de agosto, poñendo así en risco os empregos.

A principal novidade deste sistema radica na integración das liñas de transporte escolar no marco xurídico do transporte regular, unha modalidade a efectos únicos de xestión, que blindando e reforzando a atención prioritaria das necesidades dos alumnos, permite multiplicar as posibilidades de mobilidade da poboación rural.

Entre as grandes vantaxes deste plan está o feito de que todas as liñas de transporte escolar que se integren no transporte regular en Galicia contarán cun monitor acompañante, situándose por riba das exixencias legais.

Ademais, a posta en marcha da primeira fase do novo Plan de transporte público de Galicia permitirá mellorar o funcionamento deste servizo en preto de 200 concellos galegos. Neles máis que duplicarase o número de paradas de autobús xeral e 1,7 millóns de persoas terán unha parada a menos de 500 metros da súa casa.