A Xunta colaborará no desenvolvemento do Programa de acompañamento e apoio a persoas sen teito de Cruz Roja

En virtude deste acordo estableceranse liñas de derivación e integración na sociedade das persoas sen fogar a través do traballo coordinado dos equipos técnicos municipais da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela
Por o 04/07/2017 | Sección: Social,Xunta de Galicia
A Xunta colaborará no desenvolvemento do Programa de acompañamento e apoio a persoas sen teito de Cruz Roja
Compartir en:

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a presidenta de Cruz Roja Española en Galicia, María del Carmen Colmeiro Rojo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun Programa de acompañamento e apoio a persoas sen teito ou en situación de vulnerabilidade extrema co obxectivo de reducir as situacións de exclusión social deste colectivo, a súa integración na sociedade e a procura dun xeito de vida normalizado.

Deste xeito, este convenio senta as bases para o establecemento de liñas de derivación e integración na sociedade das persoas sen fogar a través dun traballo de coordinación levado a cabo polos equipos técnicos municipais da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela. Este cometido realizarase mediante unha liña de intervención que consistirá no desenvolvemento na rúa, nos albergues, nos centros de Cruz Roja Española en Galicia e demais servizos de acollida, de accións dirixidas a detectar patoloxías mentais, alcoholismo e outras adiccións sufridas polas destinatarias do programa.

No marco do acordo, tamén se efectuarán labores de sensibilización e estudos sobre as persoas sen fogar e unha xornada técnica sobre a situación deste colectivo. Así mesmo, informarase e derivarase aos usuarios cara os servizos pertinentes, proporcionarase asesoramento social e legal e os participantes no programa poderán desenvolver competencias persoais, sociais e laborais que favorezan o proceso de inserción individual.

A Xunta de Galicia destinará 165.000 euros para a realización das actividades recollidas neste convenio, dos que 112.500 euros irán destinados a gastos de persoal e 52.500 euros cubrirán as subministracións e os gastos das accións previstas.

O conselleiro amosou a súa satisfacción tras a sinatura e lembrou que “as persoas sen fogar constitúen na actualidade unha das realidades máis dramáticas que presenta a exclusión social e con este convenio, podemos dar respostas globais e integradas que responden ás necesidades dos grupos de persoas con maiores desvantaxes sociais, potenciando ademais a máxima coordinación e proximidade territorial posible”. Así mesmo, fixo fincapé na importancia da incorporación social das persoas sen fogar “mediante accións coma estas, que aborden os distintos ámbitos de intervención e que axuden a mellorar a empregabilidade destas persoas”.

Rey Varela rematou agradecendo a Cruz Roja Española o seu labor dirixido ás persoas maiores, ás persoas inmigrantes, á infancia en dificultade social e a todas aquelas en situación de vulnerabilidade, a través do cal benefician a máis de 165.000 persoas.

Apoio a Cruz Roja

A Xunta de Galicia mantén diversos convenios de colaboración con esta entidade, co obxectivo de mellorar a calidade de vida e o benestar daqueles que máis o precisan na nosa comunidade.

Deste xeito, a Consellería de Política Social asinou no pasado ano importantes acordos coa entidade, como o que permite desenvolver un programa pioneiro de soporte psicosocial para persoas maiores que exercen labores parentais con menores de idade a través de escolas de avós e avoas educadores nas sete cidades galegas. Tamén subscribiu un convenio para o programa de acollemento en familia allea de menores en situación de risco ou desamparo e outro para e outro, a tres bandas co Instituto Galego de Vivenda e Solo, para poñer vivendas a disposición das persoas refuxiadas procedentes de conflitos bélicos do Oriente Medio. Cómpre lembrar que a Xunta desenvolve o servizo de teleasistencia para persoas maiores en colaboración con Cruz Roja.