A Xunta colaborará con psicólogos e traballadores sociais para axilizar os informes sen resolver en materia de familia

O Goberno galego e o TSXG farán un seguimento da entrada de casos sobre cláusulas chan para dotar aos xulgados de medios segundo as necesidades
Por o 26/05/2017 | Sección: Social,Vigo,Xunta de Galicia
A Xunta colaborará con psicólogos e traballadores sociais para axilizar os informes sen resolver en materia de familia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, presidiron hoxe unha nova reunión da Comisión Mixta entre Xunta e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, onde a Xunta avanzou que colaborará cos colexios de psicólogos e de traballadores sociais para resolver os informes pendentes en materia familiar.

En declaracións aos medios durante un receso da reunión, Rueda recordou que, neste mesmo ano, a Xunta de Galicia creou sete novos equipos psicosociais dependentes do Imelga para facer fronte ao problema, pasando de 20 a 34 efectivos entre psicólogos e traballadores sociais. Agora levarase a cabo “un esforzo suplementario” e puntual para poñer ao día os informes pendentes a través da colaboración cos colexios profesionais para diminuír a pendencia de informes atrasados.

Esta foi unha das cuestións que se abordou na reunión, na que tamén tivo un papel central a cuestión das cláusulas chan, especialmente despois de que onte o Consello Xeral do Poder Xudicial aprobase a especialización dun xulgado por provincia para coñecer, de xeito exclusivo e non excluínte, os litixios relacionados con esta cuestión.

Xunta e TSXG acordaron facer un seguimento do número de casos entrantes nos xulgados galegos para definir as necesidades de medios neses órganos en función dos asuntos que deben afrontar. Nese sentido, Cadenas informou que dende o 1 de xaneiro ata onte mesmo entraron nos xulgados das sete cidades galegas 1.050 casos, repartidos do seguinte xeito: A Coruña 265; Santiago 126; Ferrol 39; Lugo 26; Ourense 132; Pontevedra 160; e Vigo 300.

O vicepresidente da Xunta agardou contar con máis información a vindeira semana, cando o o Consello Xeral do Poder Xudicial avanzou que reunirá ás comunidades autónomas para abordar esta cuestión. En todo caso, Rueda reiterou a vontade de colaboración coa Administración de Xustiza por parte da Xunta. Nese sentido, recordou a posta en marcha no seu día de xulgados especializados para atender as preferentes, un sistema polo que avogaban os xuíces galegos de novo nesta ocasión, aínda que finalmente o CXPX optou por outro modelo.

Por outra banda, o tamén conselleiro de Presidencia fixo así mesmo mención a situación do plan de infraestruturas xudiciais e, concretamente, avanzou que este mesmo luns dará comezo de xeito progresivo o traslado dos distintos órganos xudiciais da Coruña ao novo edificio da Fábrica de Tabacos, despois de que tras varios meses o Concello da Coruña concedese a licenza pertinente.

Plan senda

Finalmente, sinalar que no marco do Plan senda continúase con proceso de ampliación da rede de videconferencias, que incrementará en 33 os equipos existentes ata acadar os 97. Con esta dotación, todos os partidos xudiciais disporán destes dispositivos ao remate deste ano.

Continuarase tamén coa renovación de 1.100 postos de traballo, entre ordenadores de sobremesa e portátiles, para adaptalos ás necesidades do novo Expediente Xudicial Electrónico (EXE), con pantallas máis grandes e opción dunha segunda pantalla nos postos de sobremesa. En 2016, xa se renovaron 390 equipos entre portátiles e nunha terceira fase renovaranse preto de 1.000 ordenadores completando o 100%.

Outra das medidas para a implantación do EXE é o sistema de sinaturas dixital, que xa están a empregar 560 usuarios, entre xuíces, letrados, fiscais, forenses e funcionarios de seis órganos xudiciais. Durante este ano está prevista a súa implantación noutros 10 órganos xudiciais.