A Xunta convoca 6 bolsas de formación práctica en asuntos europeos na Fundación Galicia Europa

Están dirixidas a titulados universitarios e técnicos superiores en Formación Profesional e o prazo de presentación de candidaturas remata o 28 de xaneiro
Publicado por o día 28/12/2017 na sección de Emprego

A Xunta convoca 6 bolsas de formación práctica en asuntos europeos na Fundación Galicia Europa

A Xunta, a través da Fundación Galicia Europa (FGE), vén de publicar unha nova convocatoria de bolsas de formación en asuntos relacionados coa Unión Europea para 2018, en liña cos seus obxectivos de achegar a realidade europea á sociedade galega e de mellorar a empregabilidade dos mozos da comunidade.

Catro das bolsas de formación estarán centradas no seguimento dos asuntos relacionados coas políticas comunitarias que máis afectan a Galicia. Para esta modalidade valoraranse preferentemente as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Relacións Internacionais e Ciencias Económicas.

A FGE ofrece, ademais, unha bolsa radicada na oficina de Bruxelas e destinada a licenciados ou graduados en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas, co obxectivo de que o beneficiario se familiarice coa comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da Fundación e da presenza de Galicia nos organismos europeos. Así mesmo, a Fundación Galicia Europa convoca unha bolsa dirixida a técnicos superiores en Secretariado ou en Asistencia á dirección para a realización de prácticas na oficina de Bruxelas.

A convocatoria detalla os prazos e procedementos para a presentación de solicitudes, as fases do proceso de selección e os requirimentos de admisión entre os que destacan ter unha vinculación con Galicia, ter obtido un título universitario superior con posterioridade a 2010, non ser beneficiario de ningunha convocatoria anterior de bolsas da FGE ou demostrar o dominio das linguas galega, española e inglesa, entre outros.

Aqueles interesados poderán presentar as súas candidaturas coa documentación esixida ata o día 28 de xaneiro. As solicitudes enviaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible en https://sede.xunta.gal.