A Xunta convoca aos titulares dos terreos afectados pola construción da senda peonil e ciclista na estrada PO-331 ata o CEIP de Atín, nos concellos do Porriño e Mos

A senda, que terá un orzamento de máis de 378.000 euros, iniciarase na marxe esquerda da estrada, nas proximidades do Colexio Santo Tomás, no que finalizan as actuais beirarrúas, ata a ponte sobre a AP-9, pasando pola intersección existente coa estrada a Pereiras-Tameiga
Por o 17/05/2017 | Sección: Galicia,Mos,O Porriño,Vigo,Xunta de Galicia
A Xunta convoca aos titulares dos terreos afectados pola construción da senda peonil e ciclista na estrada PO-331 ata o CEIP de Atín, nos concellos do Porriño e Mos

A Xunta convoca para o vindeiro luns, día 2 de xuño, aos propietarios dos terreos afectados pola execución dunha senda peonil e ciclista na estrada PO-331, no lugar de Atín, concretamente entre os puntos quilométricos 1+890 e 2+810, a o seu paso polos Concellos de Mos e O Porriño. Esta actuación terá un orzamento de máis de 378.000, co cofinanciamento de Fondos Feder 14/20.

Os veciños terán que achegarse o día citado en horario de 9.00 a 9.30 noras no Concello da localidade pontevedresa do Porriño.

Esta actuación, cun prazo de execución de seis meses, está enmarcada no Plan de sendas na comarca de Vigo, ao que a Xunta destinará un investimento de 3,9 millóns de euros para a execución de 9 proxectos que contemplan 11 treitos identificados como prioritarios.

A senda na estrada PO-311 dará continuidade ao itinerario peonil existente no núcleo do Porriño ata o paso superior existente sobre a AP-9 nas proximidades de Atín.

A actuación iníciase na marxe esquerda da estrada, na que se construirá unha senda da 933 metros de lonxitude, desde as proximidades do Colexio Santo Tomás no que finalizan as actuais beirarrúas, ata a ponte sobre a AP-9, pasando pola intersección existente coa estrada a Pereiras – Tameiga.

Pola marxe dereita da estrada, a obra terá unha lonxitude de 200 metros e comezará na intersección coa estrada municipal Pereiras- Tameiga, dado que ata este punto xa existe beirarrúa. A senda nesta marxe desviarase da estrada nos últimos 80 metros ata o acceso ao centro escolar de Atín. Neste último tramo terá un ancho de 3 metros.

Coa execución desta senda existirá un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da vía que comunicará os dous centros de ensinanza co Porriño.

Cómpre lembrar que tamén se proxecta a mellora da intersección entre a PO-331 e a estrada Pereira-Tameiga, na que se construirá unha semiglorieta para facilitar os xiros á esquerda neste punto.

A continuación, un plano co trazado desta senda peonil na estrada PO-331.