A Xunta creará un grupo de traballo para realizar un seguimento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu onte a reunión da Comisión Interdepartamental de Igualdade
Por o 24/01/2018 | Sección: Xunta de Galicia
A Xunta creará un grupo de traballo para realizar un seguimento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero

A Xunta creará un grupo de traballo para realizar un seguimento do cumprimento en Galicia das medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, aprobado polo Congreso o pasado mes de setembro.

Así se acordou hoxe no seo da Comisión Interdepartamental de Igualdade, que foi presidida polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

O obxectivo do grupo de traballo será realizar un seguimento das medidas do Pacto de Estado que se impulsarán durante 2018. Trátase dun total de 27 actuacións, que abordan distintos eidos da loita e prevención da violencia de xénero.

Máis en concreto, as actuacións que se deberán desenvolver este ano no marco do Pacto de Estado están relacionadas coa sensibilización e prevención da violencia de xénero en todas as etapas educativas, reforzando as funcións da inspección educativa e a formación do profesorado; e coa mellora da resposta institucional, ampliando os mecanismos para acreditar situacións de violencia de xénero e a comunicación entre xulgados e administracións.

Tamén se priorizarán as medidas relacionadas coa asistencia e protección dos menores; a formación especializada dos profesionais da Administración de Xustiza e forzas e corpos de seguridade; a mellora do coñecemento e datos estatísticos sobre esta lacra; e a mellora da atención e visualización doutras formas de violencia de xénero, nomeadamente da violencia sexual.