A Xunta destaca o exemplar traballo das 600 persoas que participaron no operativo antiincendios de Verín

O dispositivo de extinción comezou só oito minutos depois de que se detectara o incendio
Publicado por o día 05/08/2017 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta destaca o exemplar traballo das 600 persoas que participaron no operativo antiincendios de Verín

Ante as críticas vertidas contra o operativo desenvolvido no lume de Verín-Vilamaior (actualmente estabilizado), a Consellería do Medio Rural quere defender o “exemplar” funcionamento do mesmo e o labor das máis de 600 persoas que participaron nel.

O lume foi detectado o xoves ás 16,30 h. e só oito minutos despois o persoal do dispositivo de extinción xa estaba na zona traballando no seu control. Ás 16.42 horas entraba o primeiro helicóptero e ás 16,50 o facían outros dous helicópteros e dous avións. Polo tanto, falamos de que ás 16,50 había cinco medios aéreos actuando no lume.

Cómpre sinalar ademais que no día 3 de agosto, produxéronse ata 21 lumes en Galicia, 11 deles en Ourense, e todos foron controlados rapidamente polo dispositivo antiincendios. No caso de Verín, o vento e o lugar no que se rexistrou dificultou moito o traballo dos brigadistas e non se puido facer nada para deter o seu avance. O que si se logrou foi que non afectara aos núcleos de poboación. Para iso, decretouse a Situación 2 e logrouse deter o lume a unha distancia tal, que non se requiriu o desaloxo de ningunha vivenda.

Cómpre lembrar ademais, que este concello é unha zona na que se repiten os incendios ano tras ano e no que, é obvio, hai un problema incendiario. Por iso, apelamos á unidade e pedimos a colaboración de todos para acabar con esta lacra, en especial en concellos recurrentes como sucede na comarca de Verín.

A día de hoxe, levan traballado no operativo de extinción deste lume: 5 técnicos, 58 axentes, 104 brigadas, 68 motobombas, 6 pas, 18 helicópteros e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) de Laza e bombeiros comarcais da zona. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 1.360 hectáreas.