A Xunta destaca que os concellos do Baixo Miño reciclaron case 884 toneladas de vidro

A rede de puntos e de illas de reciclaxe deste tipo de material incrementouse no pasado ano nun 3,3%, ata acadar os 14.718 colectores no conxunto da comunidade
Publicado por o día 29/03/2017 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Pontevedra,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta destaca que os concellos do Baixo Miño reciclaron case 884 toneladas de vidro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo a mañá de onte unha reunión co xerente de zona Galicia-Asturias de Ecovidrio, Germán Fernández, co obxectivo de analizar o volume de reciclaxe nas comarcas da provincia de Pontevedra ao longo de 2016. No caso do Baixo Miño, depositáronse nos colectores verdes case 884 toneladas de vidro, o que supón unha media de 17,9 quilos por habitante nesta comarca.

Na reunión estiveron acompañados do xefe territorial de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en Pontevedra, José Manuel González.

O delegado territorial salientou o esforzo que está a realizar o conxunto da sociedade pontevedresa neste senso, e destacou que os concellos da provincia depositaron 13.774 toneladas de vidro nos colectores verdes, o que significa unha media de 14,6 kg/hab.

A nivel galego, foron 41.253 as toneladas de residuos de envases de vidro recicladas a través do depósito nos iglús verdes ao longo de 2016, o que supón un incremento dun 3,5% con respecto ao ano 2015.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra e o xerente de zona de Ecoembes coincidiron en que unha das razóns do mantemento no Baixo Miño do volume de reciclaxe (en 2015 a media foi de 18,2 kg/hab) débese á concienciación cidadá sobre os beneficios que reporta ao medio ambiente o feito de reciclar este tipo de residuos, dándolles unha segunda vida. Para favorecer a colaboración cidadá, o parque de colectores nesta comarca é de 359; o que sitúa a ratio de contenerización nun contedor por cada 139 habitantes, un dato superior á media nacional (1/220 hab).

Cómpre lembrar que na actualidade, todos os concellos de Galicia están adheridos ao Convenio marco asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Ecovidrio no ano 2013.

Evolución dos últimos anos
Tendo en conta os datos de 2016, conclúese que a provincia de Pontevedra, ao igual que o resto de provincias galegas, teñen mellorado os seus datos relativos á recollida deste tipo de residuos, comparados coas cifras rexistradas en 2015.
Estas cifras indican que Galicia avanza na boa senda para cumprir o reto de reciclar un 60% do vidro en 2020, pois na actualidade a valorización deste material sitúase no 54%. Cómpre destacar que a reciclaxe de vidro aumentou en sete puntos no período 2011-2015, pasando do 47% ao 54%, o que a sitúa como a fracción de residuos que máis medrou nestes anos, en comparación co resto de fraccións de recollida selectiva.

Outro aspecto importante a destacar é a calidade da recollida selectiva, que presenta uns bos resultados. Esta fracción presenta baixos niveis de porcentaxe de impropios, os cales, desde 2011, mantivéronse estables ao redor do 5,75 – 5,82%. Esta é a segunda fracción coa porcentaxe de impropios máis baixa, só superada polos resultados acadados pola fracción de papel-cartón (1,82%).

Segundo recordou Cores Tourís, a reciclaxe de vidro é un elemento clave na loita polo cambio climático. Grazas ao vidro depositado nos colectores verdes, os galegos lograron:

– Minimizar a emisión de 27.000 toneladas de CO2, o que equivale a retirar 6.700 coches da estrada durante un ano.
– Evitar a extracción de 49.500 toneladas de materias primas, o que representa cinco veces o peso da torre Eiffel.
– Aforro de 91.600 MWh de enerxía.

Estes resultados son unha gran noticia para a sociedade galega, que consolida un hábito sustentable e responsable e, por encima de todo, para o medio ambiente e a loita contra o cambio climático. As cifras demostran a eficacia do modelo colector e a súa vixencia e potencial tras case 20 anos de vida na comunidade.