A Xunta destaca que será o estrito cumprimento da legalidade o que determine a viabilidade do novo proxecto mineiro de Touro

Lembrou que o proxecto de explotación, o plan de restauración e o estudo de impacto ambiental do xacemento mineiro seguen o proceso de tramitación ordinario, de acordo co que establece a lexislación autonómica
Publicado por o día 08/02/2018 na sección de Mar

A Xunta destaca que será o estrito cumprimento da legalidade o que determine a viabilidade do novo proxecto mineiro de Touro

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe no Parlamento que “será o estrito cumprimento da legalidade vixente, que ofrece todas as garantías urbanísticas, medioambientais e técnicas, o único que determine se o novo proxecto mineiro de Touro e O Pino se pode aprobar ou non”.

Así o sinalou durante a resposta a unha pregunta relacionada con este asunto, na que tamén explicou que a Xunta está valorando a proposta de reapertura do proxecto mineiro “desde un punto de vista realista e baseado na normativa”, dixo. Neste sentido, trasladou que o Goberno galego aposta por “desenvolver unha minería segura e sustentable que cree máis valor e máis empregos para Galicia”.

Por este motivo, explicou Rosa Quintana, a Xunta aplica un proceso garantista e rigoroso que permita só aquelas actividades sustentables e respectuosas co medio e coas actividades preexistentes, como é o caso do mar de Arousa. Nesta sentido, subliñou que a proposta de reapertura da mina “aínda se atopa en proceso decisorio” e trasladou unha mensaxe de “prudencia, garantía e tranquilidade”, a mesma que transmitiu aos profesionais do mar nunha xuntanza mantida hai unhas semanas.

Ademais especificou que o proxecto de explotación, o plan de restauración e o estudo de impacto ambiental do xacemento mineiro seguen o proceso de tramitación ordinario, de acordo co que establece a lexislación autonómica, que inclúe 15 informes sectoriais e a declaración de impacto ambiental.

Finalmente, a titular de Mar puxo a disposición o Instituto para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) como ferramenta de seguimento e control para verificar que non se produce afectación. Non obstante, fixo fincapé en que a actividade non comezou polo que “non sería serio empezar a falar desa afectación”.