A Xunta destina 16 millóns de euros para impulsar o inicio da actividade a máis de 4.000 autónomos e a contratación indefinida de traballadores

Feijóo sostén que se apoiará a cada novo autónomo con 2.000 euros, unha cantidade que se duplicará no caso dos menores de 30 anos, os parados de longa duración e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social
Por o 15/12/2017 | Sección: Economia,Emprego
A Xunta destina 16 millóns de euros para impulsar o inicio da actividade a máis de 4.000 autónomos e a contratación indefinida de traballadores

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación dunha achega de 16 millóns de euros para impulsar o inicio da actividade de máis de 4.000 autónomos e a contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador.

Máis polo miúdo, Feijóo precisou que o primeiro dos programas, dotado con máis de 14 millóns de euros, terá como fin impulsar o inicio da actividade, apoiando, con carácter xeral, a cada autónomo con 2.000 euros; unha cantidade que se elevará ata os 4.000 para os menores de 30 anos, os parados de longa duración e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Así mesmo, estas contías incrementaranse nun 25% para as mulleres, para os emigrantes retornados, para os maiores de 45 anos ou no caso de que a empresa estea emprazada no rural, ascendendo o importe máximo ata os 8.000 euros.

Cómpre subliñar, ademais, que para acceder a estas axudas o autónomo terá que darse de alta na Seguridade Social ou na mutua correspondente do colexio profesional entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018, ambos inclusive.

No tocante ao segundo programa, dotado con máis de un millón de euros, o titular do Goberno galego aseverou que estará destinado a apoiar que as empresas de autónomos contraten de xeito indefinido ao primeiro, segundo e terceiro traballador. Para a primeira contratación concederanse axudas de 3.000 euros, cando se trate dunha persoa sen emprego, aumentando ata os 5.000 euros para parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

No caso do segundo e terceiro traballador, a contía será de 5.000 euros para os desempregados en xeral, incrementándose ata os 7.000 euros no caso de parados de longa duración e de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. E, ao igual que no primeiro programa, as axudas aumentarán nun 25% para as mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos e no caso de que a compañía estea situada nun concello do rural. Deste xeito, os apoios oscilarán entre os 3000 e 14.000 euros.

Feijóo concluíu salientando que, ao abeiro da Estratexia autónomo 2020, o vindeiro ano destinaranse 40 millóns de euros para continuar coas axudas que xa existen, ademais de crear outras medidas novas como: un programa para fomentar o relevo xeracional; e unha iniciativa para que os autónomos que tivesen que pechar a súa empresa dispoñan dunha segunda oportunidade para iniciar outra actividade.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.