A Xunta destina máis de 4 M€ a apoiar os proxectos de internacionalización de 175 empresas cara a máis de cen mercados

Máis do 21% das compañías beneficiarias do programa Galicia Exporta Empresas son do sector téxtil, ao que seguen o de servizos, maquinaria e agroalimentación
Publicado por o día 22/10/2017 na sección de Economía,Xunta de Galicia

A Xunta destina máis de 4 M€ a apoiar os proxectos de internacionalización de 175 empresas cara a máis de cen mercados

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa, a través do programa Galicia Exporta Empresas, os proxectos de internacionalización de 175 compañías que apostan por consolidar ou iniciar exportacións cara a máis dun cento de mercados exteriores.

Este programa, destinado ás pemes e por primeira vez tamén aos autónomos, contempla axudas do 70% do investimento subvencionable en proxectos destinados á prospección en mercados internacioanais, así como á realización de actuacións de difusión e promoción, coa participación en eventos expositivos. A través da resolución do Galicia Exporta Empresas, que vén de ser publicada no DOG, concédense axudas por máis de 4 millóns de euros.


Máis do 21% das compañías beneficiarias do programa Galicia Exporta Empresas corresponde ao sector téxtil, ao que seguen o de servizos (17%), maquinaria (14,2) e agroalimentación (14%). Son microempresas ou empresas de pequena dimensión, con menos de 50 empregados, 146 das compañías beneficiarias. Por outra banda, dos 175 proxectos aprobados, 111 corresponden a exportadoras regulares que venden en máis de 140 mercados internacionais, mentres que 34 buscan iniciarse na exportación e 30 exportan de forma esporádica.

A resolución desta convocatoria vén complementar a do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, que aprobou apoiar 23 proxectos colectivos para desenvolver 158 accións agrupadas de internacionalización que tiveron como obxectivo 39 mercados diferentes e que beneficiarán, de xeito directo ou indirecto, a máis dun milleiro de empresas galegas.

Con programas como o Galicia Exporta, o Goberno galego busca incrementar o número de empresas exportadoras e consolidar a tendencia alcista das exportacións galegas, que medraron un 8,4% nos oito primeiros meses deste ano, logo de acadar o ano pasado un récord histórico, ao superar os 20.000M€. Así, no que vai de ano, Galicia conta coa segunda mellor balanza comercial en termos absolutos –só por detrás do País Vasco– ao sumar 2.787 millóns de euros.

O programa Galicia Exporta é un dos instrumentos que a Xunta está a empregar para acelerar a proxección exterior das empresas galegas no marco da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, promovendo tanto os proxectos individuais como os proxectos colectivos para facilitar a internacionalización empresarial.