Xunta e concellos forman ao seu persoal da área social no manexo da Historia Social Única Electrónica

A Administración autonómica ten programado un novo grupo de formación con técnicos de servizos sociais de 25 concellos galegos
Publicado por o día 28/09/2019 na sección de Social

Xunta e concellos forman ao seu persoal da área social no manexo da Historia Social Única Electrónica

A Xunta de Galicia e os concellos forman ao seu persoal da área social no manexo da Historia Social Única Electrónica (HSUE), plataforma que integra nun mesmo sistema todos os datos relativos á persoa que é usuaria de servizos sociais. Esta ferramenta, elaborada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), facilita a coordinación de todos os axentes que participan na prestación dos servizos sociais, o que mellora a eficiencia na xestión e a calidade na atención.

A Administración autonómica ten programado un novo grupo de formación con técnicos de servizos sociais de 25 concellos. A día de hoxe soamente quedan 12 concellos por formalizar a adhesión á HSUE. Os profesionais da área social das administracións poden acceder ao sistema, previa autorización, e consultar os datos relativos á historia social dunha persoa, incluíndo a súa situación familiar, as súas demandas, as prestacións que recibe, así como as valoracións e intervencións de seguimento realizadas. Tamén teñen información referente a profesionais, a institucións e a organizacións que actúan no ámbito social.

O sistema contén máis de 650.000 historias sociais electrónicas. Cada unha delas é individual, hai unha historia por persoa usuaria con polo menos unha intervención realizada na área de servizos sociais comunitarios municipais, inclusión social, dependencia, valoración da discapacidade ou protección de menores. A plataforma garante a seguridade no acceso á información a través do uso de certificado electrónico por parte dos profesionais, que acceden soamente aos datos necesarios para levar a cabo o seu labor.

Maior coordinación

A Xunta iniciou en 2016 a implantación da HSUE. Os principais obxectivos son dar resposta á necesidade de compartir información entre os distintos niveis e áreas de intervención do sistema galego de servizos sociais, apoio á coordinación e eficiencia do sistema e continuidade e complementariedade da intervención social coa persoa usuaria do sistema.

O modelo de referencia é a Historia Clínica do Sergas (IANUS), coa finalidade de poñer ao sistema galego de servizos sociais ao mesmo nivel que os servizos sanitarios, no referente á xestión da información das persoas usuarias.