A Xunta e a Delegación do Goberno en Galicia reforzan a coordinación para o control e seguimento da couza da pataca

A conselleira do Medio Rural e o delegado do Goberno mantiveron esta mañá unha xuntanza con responsables da Garda Civil e a Policía Autonómica para avanzar nesta materia, sobre todo no que atinxe ás restricións no transporte de tubérculo
Publicado por o día 14/03/2017 na sección de Alimentación,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta e a Delegación do Goberno en Galicia reforzan a coordinación para o control e seguimento da couza da pataca

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá co delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, para reforzar a coordinación nas tarefas de seguimento e control da couza guatemalteca da pataca. Na xuntanza tamén participaron a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e responsables da Policía Autonómica e da Garda Civil, ademais de representantes da agrupación de Tráfico da Benemérita. A reunión serviu para intensificar a coordinación entre Xunta, Delegación do Goberno e Corpos e Forzas de Seguridade do Estado nesta materia.

Tanto a normativa estatal como autonómica establecen restricións e control de movementos de pataca dentro dos 31 concellos afectados. Así, nesta área prohíbese o tránsito de tubérculos, salvo que se realice baixo seguimento oficial como traslado aos vertedoiros autorizados. O incumprimento desta normativa pode dar lugar a sancións que oscilan entre os 300 e os 3.000 euros.

Ademais, os protocolos sinalan que a entrada de pataca nestes municipios será só para consumo directo e irán preparadas e envasadas para o comprador final. En todo caso, estas xa nunca poderán saír da área demarcada, unha vez fosen almacenadas en instalacións localizadas neste entorno. Estas entradas e saídas dos almacéns realizaranse baixo medidas que eviten a expansión da praga e sempre en vehículos específicos protexidos para evitar a contaminación.

En todas estas tarefas de vixilancia e control –en particular os controis de tráfico, que se van iniciar nos próximos días con especial incidencia nas zonas afectadas– colaboran os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e os servizos de Sanidade Vexetal da Consellería do Medio Rural, baixo a coordinación xeral da Xunta e a Delegación do Goberno.