Xunta e Ecoembes constatan un aumento do 25% da reciclaxe de envases de plástico e de papel e cartón no mes de marzo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha videoconferencia cos máximos responsables desta entidade en Galicia para analizar como está a ser a xestión da recollida selectiva e do tratamento destes residuos
Publicado por o día 04/05/2020 na sección de Ecoembes,Medio Ambiente,Social,Xunta de Galicia

Xunta e Ecoembes constatan un aumento do 25% da reciclaxe de envases de plástico e de papel e cartón no mes de marzo

A recollida selectiva de envases experimentou en Galicia durante o mes de marzo un incremento de máis do 25% respecto do mesmo período do ano anterior. Así o constatou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a videoconferencia que mantivo esta mañá co director xeral de Xestión Local e Autonómica de Ecoembes, Ángel Hervella, e o xerente da entidade para a Zona Norte, Fernando Blázquez, co fin de coñecer de primeira man como está a funcionar este servizo durante o estado de alarma derivado do COVID-19.

Neste sentido, os responsables de Ecoembes para Galicia explicaron que o confinamento da poboación e as restricións impostas debido ao coronavirus non se están a reflictir nas cifras de reciclaxe dos contedores amarelos e azuis. De feito, indicaron que durante a segunda quincena do mes de marzo, coincidindo co inicio do estado de alarma, recolleuse preto dun 10% máis de envases que no mesmo período de 2019, e iso a pesar da paralización do sector da hostalería.

Cómpre lembrar que Ecoembes é unha organización sen ánimo de lucro que se ocupa de coordinar en toda España a recollida e reciclaxe dos envases de plástico, latas e briks (que se depositan no contedor amarelo) e dos envases de cartón e de papel (contedor azul).

A este respecto, Hervella e Blázquez confirmaron que o servizo de recollida selectiva, declarado esencial durante o estado de alarma, está a prestarse en Galicia sen incidencias e con normalidade desde marzo. Ademais, Ecoembes mantén o contacto permanente coas plantas que reciben e tratan o material seleccionado para garantir a súa correcta reciclaxe.

A conselleira Ángeles Vázquez, pola súa parte, subliñou o nivel de compromiso dos galegos coa recollida selectiva e a separación dos residuos en orixe, incluso nas circunstancias actuais. Por iso, fixo un chamamento á poboación para que manteña ese esforzo e contribúa deste xeito, segundo dixo, a que a comunidade sexa cada vez máis verde.

A este respecto, cómpre lembrar que os datos de reciclaxe deste tipo de residuos en Galicia manteñen unha tendencia positiva nos últimos anos. De feito, en 2019 a recollida selectiva no contedor amarelo aumentou en máis dun 10% -cunha media de 12,9 kg de envases por habitante- e no contedor azul, o incremento situouse nun 8,4% -13,9 kg por cada galego-.

Comentar noticia

Your email address will not be published.