Xunta e Estado constitúen o Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia para este ano

O Comité ten como finalidade coordinar as actuacións entre Xunta e Goberno central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais na Comunidade Autónoma galega
Por o 06/06/2018 | Sección: Medio Ambiente,Xunta de Galicia
Xunta e Estado constitúen o Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia para este ano

Esta mañá constituíuse o Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG) para a campaña 2018, estando operativo a partir do 1 de xullo e ata o vindeiro 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios forestais. Este ano, ademais, valórase a posibilidade de ampliar o período de alto risco ao mes de outubro, se a situación así o aconsella.

Este Comité está presidido polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o subsecretario do Ministerio del Interior, Luis Aguilera, e ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e o Goberno Central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, incidiu na importancia da colaboración, coordinación e cooperación entre as Administracións para conseguir facer fronte con máis eficacia aos incendios forestais e intentar evitar o máximo posible esta lacra, así como tentar reducir os danos ocasionados polos lumes.

Na reunión do CIPIG tamén participaron a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto, e o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, así como o director xeral de Protección Civil e Emerxencias, Juan Antonio Díaz; o xeneral Xefe da XV Zona da Garda Civil de Galicia, Ángel Alonso Miranda; o subdirector xeral de Cooperación de Defensa Civil Luis Miguel Yagüe; o xeneal xefe rexional de Operacións da Policía Nacional, José Luis Balseiro, e o comandante do V batallón da Unidade Militar de Emerxencias, Javier Trevín.

En representación do Goberno galego, tamén estiveron presentes o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor; o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto; e o comisario xefe da Policía Autonómica, Fernando Pico.

Pladiga 2018
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou que o operativo de loita contra o lume estará integrado, na tempada de alto risco, por máis de 7.000 efectivos, contando os propios da Xunta, os do Ministerio de Agricultura, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Disporase, ademais, duns trinta medios aéreos e de 360 motobombas, ás que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.

A conselleira indicou ademais que entre as principais novidades do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) 2018 figuran melloras tecnolóxicas e organizativas, para reforzar os ámbitos da prevención, a vixilancia, a disuasión e a sensibilización e colaboración cidadá. Salientou que este ano, por primeira vez, se cubrirán o cen por cento das vacantes do persoal do dispositivo e que se contempla a posibilidade de ampliar o seu tempo de traballo.

No terreo das melloras tecnolóxicas, a conselleira citou a dotación de 34 novas cámaras de vixilancia dos espazos forestais e a incorporación dun helicóptero que transmitirá imaxes e vídeo en tempo real, xeorreferenciadas. No eido da sensibilización, referiuse aos convenios de colaboración con cazadores e radioafeccionados para reforzar a vixilancia e alerta de incendios.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.