A Xunta e a Federación Galega de Loita forman a máis de 500 mulleres en defensa persoal ante situacións de violencia machista Escoitar

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou onte en Ordes un dos cursos que se están impartindo en distintos concellos da comunidade autónoma
Publicado por o día 09/11/2017 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta e a Federación Galega de Loita forman a máis de 500 mulleres en defensa persoal ante situacións de violencia machista Escoitar

A Xunta, en colaboración coa Federación galega de Loita, está a formar a máis de 500 mulleres en defensa persoal e autocapacidades ante situacións de violencia machista a través de cursos que se están a impartir en distintas partes de Galicia.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitaron hoxe en Ordes unha destas actividades, executada pola Mancomunidade e na que están inscritas 34 mulleres.

Ademais da Mancomunidade de Ordes, este curso está a impartirse noutros 24 concellos e mancomunidades distintos: Abegondo, Frades, Teo, Mancomunidade do Ribeiro, Nigrán, Crecente, Mancomunidade de Conso-Frieiras, Ribeira, Cenlle, Padrón, Mugardos, Chantada, Carballo, Cerdido, Muxía, Tordoia, Muros, Rábade, Arteixo, Valdoviño, Piñor, Viveiro, Barreiros e Moraña.

Estes cursos forman parte das numerosas actividades que a Administración autonómica ofrece aos concellos que están adheridos á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero. Entre outras iniciativas, ofértanse obradoiros educativos, exposicións e actividades de concienciación, ou programas de asesoramento e terapia familiar con nenos e nenas que teñan sufrido directa ou indirectamente a violencia de xénero.

Ademais desta rede, a Xunta tamén ten en marcha en colaboración cos concellos outras medidas a favor da igualdade e contra a violencia machista como os Centros de Información á Muller, no que se presta asesoramento legal e laboral ou apoio psicolóxico. Á colaboración coas administracións locais, súmanse outras medidas noutros ámbitos como a educación, o deporte ou a concienciación en xeral de toda a sociedade.

No mes no que se celebra o Día contra a violencia de xénero (o próximo 25 de novembro), o Goberno galego recordou unha vez máis a necesidade de acadar o compromiso de toda a cidadanía para loitar contra a lacra da violencia de xénero, un esforzo que é preciso estender a todos os días do ano.