Xunta e goberno central deben iniciar as accións necesarias para recuperar Meirás

Publicado por o día 26/09/2018 na sección de Política,PSOE

Xunta e goberno central deben iniciar as accións necesarias para recuperar Meirás

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, subliñou hoxe o compromiso do goberno socialista coa Memoria Histórica e reiterou a petición de recuperar o Pazo de Meirás. Leiceaga respondeu hoxe a unha proposta de Declaración Institucional sobre Meirás cun texto idéntico á proposición non de Lei que foi aprobada por consenso antes do verán.

Fernández Leiceaga apelou aos grupos parlamentarios a reeditar aquel consenso cunha Declaración unánime antes de que remate o Pleno pedíndolle á Xunta que lle remita urxentemente o informe da comisión de expertos nomeada pola Consellería de Cultura –en cumprimento da resolución previa do Parlamento- á Administración Xeral do Estado.

Nesta proposta pídenlle así ao Goberno central que “se realicen as accións legais a que fai referencia o informe na súa conclusión final co obxecto de reintegrar as torres ou pazo de Meirás ao ámbito dos bens de dominio público da Administración Xeral do Estado”.

A proposta inclúe pedirlle á Xunta que se incorpore ao proceso civil como coadxudante adhesiva e declarando a vontade de que a recuperación “non implique un novo custe para o pobo de Galicia”.