A Xunta e os concellos de Moaña, Cangas e Bueu acordan variar o trazado da Autovía do Morrazo

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda e o director da Axencia Galega de Infraestruturas informáronlles hoxe aos alcaldes do Morrazo que con esta decisión será posible abrir en maio os dous primeiros treitos xa con características de autovía
Publicado por o día 09/06/2017 na sección de Bueu,Cangas,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta e os concellos de Moaña, Cangas e Bueu acordan variar o trazado da Autovía do Morrazo

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, mantivo hoxe un encontro cos alcaldes de Moaña, de Cangas e de Bueu, no que acordaron variar o trazado da autovía do Morrazo para preservar o castro de Montealegre, o que implicará pechar o tráfico para avanzar nas obras entre outubro e o vindeiro mes de maio, cando xa se abrirán os dous primeiros treitos con características de autovía.

Vázquez Mourelle cualificou esta alternativa como irrenunciable, xa que permitirá preservar, na súa totalidade, o castro de Montealegre, no que se vén traballando intensamente desde a Xunta, nos limitados ámbitos que inicialmente quedaban afectados pola infraestrutura.

Nos últimos meses a AXI levou a cabo un estudo técnico sobre a viabilidade de ampliar o túnel actual para proceder a duplicar a estrada, tendo en conta que a existencia de 2 carrís en cada sentido é irrenunciable para garantir a seguridade viaria e a funcionalidade da infraestrutura. Neste sentido, a conselleira subliñou que ampliar o túnel actual, en lugar de facer un segundo, é tecnicamente viable, ademais de constituír unha obra de referencia da que non se coñecen equivalencias en España.

O Goberno galego realizou unha ambiciosa campaña de escavación arqueolóxica, en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, uns traballos cun investimento de máis dun millón de euros e que están a permitir un labor de documentación do xacemento de enorme valor histórico e cultural e a posta á disposición da cidadanía desde ben patrimonial.

A titular de Infraestruturas subliñou que a Xunta é consciente das incomodidades e alteracións na mobilidade dos veciños, polo que pediu comprensión e paciencia polas molestias que ocasionará esta modificación do proxecto. Concretou que o Goberno galego vai poñer medios para minimizar as molestias, como é o reforzo do transporte marítimo de ría desde Moaña e o reforzo do servizo de ambulancia no Morrazo.

Vázquez Mourelle fixo fincapé en que o obxectivo deste proxecto é dar resposta a unha vella demanda e dotar canto antes aos veciños e á comarca dunha infraestrutura estratéxica e fundamental para o reforzo da seguridade viaria, para resolver os problemas de capacidade e mellorar a vertebración territorial.