A Xunta e a Real Academia Galega avanzan na posibilidade de colaborar en materia de toponimia

O vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, coñeceu da man do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o traballo da RAG no ámbito da lingua e a cultura
Publicado por o día 25/12/2017 na sección de Cultura,Xunta de Galicia

A Xunta e a Real Academia Galega avanzan na posibilidade de colaborar en materia de toponimia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse esta semana co presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, na que foi a segunda xuntanza entre o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o máximo responsable da institución académica desde o pasado mes de marzo.

Durante a reunión abordaron a posibilidade de colaborar para impulsar o estudo da toponimia de Galicia, co obxectivo de recuperar e divulgar a toponimia do noso territorio, un patrimonio especialmente rico en Galicia. Ambos avaliaron a idea de propoñer que a colaboración se estenda tamén ás deputacións provinciais.

O encontro, que se desenvolveu nun ambiente de gran cordialidade e boa sintonía, serviu tamén para poñer en común e coñecer de primeira man o traballo tan fundamental que desenvolve a Real Academia Galega no ámbito da lingua e da cultura.