Xunta e Sindicato Unificado de Policía reclaman ao Goberno central que complete o cadro de persoal da Policía autonómica

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse hoxe cos máximos responsables do SUP en Galicia
Por o 08/01/2019 | Sección: Sindicatos,SUP Galicia,Xunta de Galicia
Xunta e Sindicato Unificado de Policía reclaman ao Goberno central que complete o cadro de persoal da Policía autonómica

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha xuntanza cos responsables do Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Galicia, no que coincidiron en reclamar ao Goberno central que complete o cadro de persoal da Policía Autonómica, que actualmente se sitúa nun 80% dos postos previstos no acordo asinado en 2005 entre a Xunta e o Goberno central.

Xunta e sindicato coincidiron na necesidade de que o Ministerio do Interior leve a cabo canto antes a cobertura das prazas vacantes na Unidade de Policía Adscrita a Galicia, segundo indicaron ao termo dunha reunión na que xunto a Rueda participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o secretario xeral do SUP, Roberto González; o secretario federal do SUP na Policía Autonómica, Abel Lobato; e o presidente do SUP Galicia, José Freire.

Cómpre recordar que o número de efectivos deste corpo veu descendendo nos últimos anos debido a xubilacións e traslados, sendo na actualidade apenas 400 axentes dun cadro de persoal que debería estar dotado con 500. Todo a pesar de que se foron incrementando as súas tarefas e funcións como, por exemplo, coa asunción da protección das vítimas de violencia de xénero.

A Xunta xa ten instado en diversas ocasións ao Ministerio de Interior a que complete o cadro de persoal da unidade e volverá a dirixirse de novo ao Goberno central para solicitarllo, en tanto o labor que realizan os membros da Policía é imprescindible para garantir a seguridade cidadá e a atención a poboación que o precisa.

Vixilancia nos edificios xudiciais

No encontro tamén se abordou a situación da seguridade nos edificios da Administración de Xustiza de Galicia, unhas unidades de vixilancia que dependen de efectivos da Policía Nacional e da Garda Civil de máis de 55 anos e onde tanto Xunta como SUP tamén reclamaron ao Ministerio que complete as prazas que agora mesmo están vacantes.

Algunhas das fotos do encontro

Comentar noticia

Your email address will not be published.