Xunta e TSXG acordan solicitar ao Ministerio a creación de tres novos xulgados do social en Vigo, Lugo e Santiago de Compostela

A proposta adoptouse no seo da Comisión Mixta entre a Administración autonómica e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, seguindo datos obxectivos de carga de traballo e pendencia
Por o 12/12/2018 | Sección: Lugo,Santiago,Vigo,Xunta de Galicia
Xunta e TSXG acordan solicitar ao Ministerio a creación de tres novos xulgados do social en Vigo, Lugo e Santiago de Compostela
Compartir en:

A Xunta e o TSXG acordaron solicitar ao Ministerio de Xustiza a creación de tres novos xulgados do Social en Vigo, Lugo e Santiago de Compostela. Ademais destas tres unidades -cifra ofertada polo Goberno central-, tamén se trasladará que é moi necesaria a creación dun xulgado de Primeira Instancia na Coruña e a dotación de catro xuíces de Adscrición Territorial, un para cada provincia, así como dun maxistrado para a sección segunda da Audiencia provincial da Coruña.

Esa foi a proposta acordada hoxe no seo da reunión da Comisión Mixta entre o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e a Xunta de Galicia, na que participaron o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas.

Na última Conferencia Sectorial, Galicia solicitou ao Ministerio de Xustiza a creación de novos xulgados. En resposta a esta solicitude, o Goberno estatal vén de trasladar que Galicia poderá contar con tres unidades xudiciais, unha cifra que a Administración Autonómica considera insuficiente.

Tendo en conta os datos obxectivos de cargas de traballo e pendencia, Xunta e TSXG acordaron priorizar o reforzo dos xulgados do Social, que é a xurisdición con máis carga de traballo. Por iso, solicitarase creación destes xulgados en Vigo, Lugo e Santiago de Compostela, que a Xunta está en disposición de poñer en marcha en canto o Ministerio faga efectiva a súa creación por decreto.

Con todo, Galicia trasladaralle ao Ministerio a necesidade de crear novos xulgados e a súa disposición a poñer en marcha aínda máis unidades xudiciais, a maiores das solicitadas, se algunha comunidade autónoma renuncia ás súas ou se se decide finalmente crear un maior número.

Cómpre recordar que o ano pasado creáronse un xulgado do Social na Coruña; un xulgado de Primeira Instancia en Ferrol; outro de Primeira Instancia en Ourense; e outro en Vigo, especializado en Familia.

Plan de recuperación de traballo

A creación de novos xulgados non foi o único tema que se tratou na reunión de hoxe. Durante o encontro, tamén se fixo balance do Plan de recuperación de traballo nos xulgados tras a folga. A súa primeira fase tivo lugar antes do verán, e a segunda fase comezou o pasado 15 de outubro en xulgados prioritarios e xa se atopa estendido a todos os órganos xudiciais, fiscalías, Imelga, e servizos xudiciais.

Está previsto que o Plan se leve a cabo ata finais de ano, e no que se investirán preto de 1,5 millóns de euros. A partir de agora, sería necesaria acometer tamén unha terceira fase coa participación de xuíces, fiscais e letrados da Administración de Xustiza.

Comentar noticia

Your email address will not be published.