Xunta e Universidade afondan na súa colaboración en proxectos de cooperación transfronteiriza

Publicado por o día 06/10/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Xunta e Universidade afondan na súa colaboración en proxectos de cooperación transfronteiriza

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, mantiveron nas últimas horas unha xuntanza de traballo na que repasaron e afondaron nos proxectos de colaboración que manteñen a administración autonómica e a institución académica, fundamentalmente en materia de cooperación transfronteiriza. Un dos principais proxectos comúns neste eido son as prácticas laborais a través da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, nas que participa alumnado de diversas especialidades da Universidade de Vigo, que é unha das más activas dentro do programa de intercambio Iacobus, orientado a fomentar a cooperación e mobilidade académica no espazo universitario luso-galaico. De feito, a institución académica viguesa é a que máis candidatos e candidatas e participantes achega desde que se lanzou esta iniciativa en 2014.

Ademais, a AECT da Eurorrexión colabora en proxectos europeos coa Universidade de Vigo, que tamén participa participa no programa de cooperación transfronteiriza financiado pola Unión Europea POCTEP 2014-2020.

Rueda e Reigosa, que estivo acompañado na xuntanza polos vicerreitores de Planificación e Sostenibilidade e do campus de Pontevedra; José Luis Míguez e Jorge Soto, e pola vicerreitora de Transferencia, María Consuelo Pérez, abordaron asuntos relativos á celebración do próximo Job Day transfronteirizo, dedicado ás TIC e que terá lugar en Vigo en colaboración coa Universidade. Os Job Day da Eurorrexión veñen celebrándose desde 2014 para potenciar o emprego transfronteirizo e foron presentados en Bruxelas como boa práctica no sector de emprego.