A Xunta estima provisionalmente en máis de 600.000 de euros o custo dos danos ocasionados polo temporal en Cariño

A Consellería do Mar está a tomar as medidas de urxencia para garantir a seguridade e minimizar riscos
Publicado por o día 20/01/2018 na sección de Mar

A Xunta estima provisionalmente en máis de 600.000 de euros o custo dos danos ocasionados polo temporal en Cariño

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a realizar unha primeira valoración provisional dos danos ocasionados polo temporal Evi no peirao de Cariño. Así o comunicou esta maña o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita á zona afectada polo forte mar de fondo do pasado mércores.

Durán Hermida avanzou que de xeito “totalmente provisional, dado que polo momento os técnicos do ente público non puideron acceder á zona exacta para comprobar in situ os danos”, estímase que o custo dos danos será superior aos 600.000 euros. Así mesmo indicou que a afectación nesta ocasión semella, na primeira comprobación ocular nas zonas xa accesibles, de maior importancia que os danos causados noutras ocasións.

Os principais danos detectados polo momento atinxen ao espigón, do que se derrubou unha parte de máis de 30 metros, segundo as primeiras estimacións, así como a coieira, da que se desprazaron coa forza do mar boa parte dos bloques que a integran. Así mesmo producíronse danos no pavimento e quedaron inutilizadas varias defensas de rosario.

Durán Hermida indicou tamén que polo momento Portos de Galicia está a traballar en inventariar o conxunto dos danos ocasionados polo Evi na costa de Lugo e A Coruña, fundamentalmente e estanse a tomar as medidas de urxencia para garantir a seguridade e minimizar riscos, repoñendo na medida do posible a operatividade das zonas portuarias. Finalmente indicou tamén que o ente público ten constancia polo momento de danos menores noutros peiraos, como Corme (Ponteceso), Malpica, Arou (Camariñas), Caión (A Laracha), Burela, Celeiro e Mugardos, por un importe estimado inicialmente en arredor dos 100.000 euros.