A Xunta explica aos concellos da área de Vigo o paquete de axudas e as medidas activadas para paliar e reparar os danos dos lumes

O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata as zonas máis danadas de Salvaterra, Fornelos de Montes, Soutomaior e Redondela
Publicado por o día 25/10/2017 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta explica aos concellos da área de Vigo o paquete de axudas e as medidas activadas para paliar e reparar os danos dos lumes

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, trasladouse hoxe ata Salvaterra, Fornelos de Montes, Soutomaior e Redondela no marco da rolda de contactos programada para explicar aos concellos afectados pola vaga de lumes o paquete de axudas e medidas postas en marcha polo Goberno galego para paliar os danos dos incendios. Xunto aos alcaldes das devanditas localidades achegouse ata as zonas máis danadas.

Tras a aprobación o pasado 19 de outubro do Decreto marco de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados, a Xunta habilitará axudas para a recuperación das vivendas afectadas e para pagar o alugueiro do realoxo temporal noutro inmoble.

Por outra banda, técnicos de diferentes departamentos da Administración autonómica están xa a avaliar a situación dos incendios forestais e planificar as medidas necesarias de actuación sobre os terreos, co fin de evitar o arrastre de cinzas e favorecer a recuperación da vexetación, así como o control da calidade da auga. Daráselle prioridade aos lumes que afectaron máis de 300 hectáreas, sen descoidar outros de menor extensión pero que afectaron zonas sensibles.

En paralelo, cómpre lembrar que a Xunta está a traballar nun Plan de reforestación das zonas afectadas.