A Xunta formaliza o contrato para a execución das obras do treito III da Autovía do Morrazo que comezarán este mes

Este tramo, cunha lonxitude de 3,87 quilómetros, contará cun orzamento de máis de 18,2 millóns de euros e un prazo de execución de 24 meses
Publicado por o día 02/08/2017 na sección de Cangas,Galicia,Moaña,Xunta de Galicia

A Xunta formaliza o contrato para a execución das obras do treito III da Autovía do Morrazo que comezarán este mes

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de formalizar o contrato para a execución das obras do treito III da autovía do Morrazo, concretamente, entre o enlace de Meira e o de Cangas, ao seu paso polo Concello de Moaña.

Esta actuación contará cun orzamento de máis de 18,2 millóns de euros e un prazo de execución de 24 meses.

A Xunta prevé comezar este mes os traballos, polo que deste xeito, a totalidade das obras de construción da autovía do Morrazo estarán en execución en 2017.

O treito ten unha lonxitude de 3,87 quilómetros, desde o enlace de Meira, no Pq. 7+300 do actual corredor, ata o 11+150 do mesmo, no primeiro enlace de Cangas (conexión coa VG-4.5). Neste enlace, ademais, completarase en sentido Alto da Portela a rehabilitación do firme no treito non afectado polo desdobramento, polo que a lonxitude total do tramo de actuación será de 4,16 km.

Ademais do desdobramento do tronco, estas obras suporán a remodelación parcial dos enlaces de Meira, no que se inicia a obra, e Moaña (coa PO-313, no PK 9+570);a duplicación do viaduto da Fraga, de 330 metros; a ampliación de dous pasos superiores e cinco pasos inferiores existentes; e a reposición dunha pasarela peonil metálica (PK 8+980, á altura de Broullón).

O trazado recolle, entre outros, axustes de deseño en planta e en alzado para minimizar os movementos de terras, compensando no posible o volume de desmonte co de terraplén. Con este obxectivo, neste treito, mantense a solución de alternancia do desdobramento pola marxe dereita e pola esquerda, buscando o maior aproveitamento posible da calzada existente. Desde xeito, acádase unha solución optimizada, máis equilibrada e de menor impacto, xa que consegue un mellor reaproveitamento dos materiais existentes e un menor impacto visual, todo elo mantendo a máxima funcionalidade.

A autovía do Morrazo é a infraestrutura viaria con maior dotación orzamentaria da Xunta en 2017 (22 millóns de euros) e supón un investimento total de 55 millóns de euros. Co impulso deste proxecto, o Executivo autonómico cumpre o seu compromiso de dotar a comarca do Morrazo dunha autovía libre de peaxe, que resolva os problemas de capacidade do corredor actual, xa que por esta vía circulan 15.000 vehículos cada día, unha cifra que chega ata os 20.000 moitos días de verán.