A Xunta de Galicia actualiza o seu Programa de Prevención e Control da Tuberculose de cara ao período 2017-2020

O Día mundial da tuberculose (que se celebra mañá 24 de marzo, baixo o lema Unidos para poñer fin á tuberculose: non deixar a ninguén atrás) é unha oportunidade para aumentar a conciencia sobre a carga desta enfermidade no mundo e o estado dos esforzos de prevención e atención a esta patoloxía
Publicado por o día 23/03/2017 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia actualiza o seu Programa de Prevención e Control da Tuberculose de cara ao período 2017-2020

A Consellería de Sanidade vén de actualizar o seu Programa de Prevención e Control da Tuberculose, que abarcará o período 2017-2020, co que se pretende conseguir unha diminución da incidencia desta enfermidade do 25% respecto á do ano 2015 para acadar unhas cifras por baixo dos 20 casos por 100.000 habitantes, que se consideran xa propias de sociedades na senda da eliminación da enfermidade.

O Día mundial da tuberculose (que se celebra mañá 24 de marzo, baixo o lema Unidos para poñer fin á tuberculose: non deixar a ninguén atrás) é unha oportunidade para aumentar a conciencia sobre a carga desta enfermidade no mundo e o estado dos esforzos de prevención e atención a esta patoloxía. Tamén é unha oportunidade para mobilizar o compromiso político e social e seguir avanzando nos esforzos para acabar con ela.

Incidencia en Galicia

Dende a posta en marcha do primeiro Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose, no ano 1996, a incidencia da tuberculose na Comunidade descendeu de forma progresiva e constante (entre 1996 e 2015 a diminución por termo medio anual foi do -6,1%), pasando de 1.962 casos novos en 1996 a 583 en 2015, o que supón un descenso do 71%.

Outros datos destacables na loita contra a tuberculose nos últimos anos son que, no 2015, o 44,8% dos casos recibiron un tratamento supervisado (porcentaxe que vai en aumento dadas as cada vez máis complicadas condicións socioeconómicas e persoais dos enfermos). Así mesmo, certificouse a curación do 88,6% dos casos que iniciaron tratamento no ano 2014 e o 87,4% dos casos de tuberculose respiratoria confirmada. Faleceron o 1,8% dos casos dese ano. Excluíndo as mortes por outras causas, o resultado satisfactorio do tratamento pasa a ser dun 96%.

Seguindo coa avaliación dos resultados, o cumprimento dos tratamentos da infección tuberculosa instaurados no ano 2014 foi do 90,4%.

O 60% dos casos presentáronse en homes e o principal factor de risco asociado foi o tabaquismo (17,2%). A asociación tuberculose e VIH foi dun 1,7%. O 63% dos casos tiñan unha localización respiratoria e o 42,6% deles eran bacilíferos (contaxiosos). A incidencia da tuberculose bacilífera pasou de 28 casos a 5,7 por 100.000 habitantes neste período 1996-2015, o que supón unha diminución do 79,5%.

O nivel de resistencias en Galicia é moi baixo, posto que o 86,8% de todas as cepas resultaron sensibles aos fármacos de primeira liña e só o 0,6% eran multirresistentes (a forma máis grave de tuberculose).

Evolución satisfactoria

Coa actualización do programa, Sanidade pretende manter a tuberculose como liña clave é potenciar as unidades de prevención e control, reforzándoas no seu papel de unidades de referencia para o diagnóstico, seguimento e tratamento de todos os enfermos e infectados.

A evolución da enfermidade é moi satisfactoria e a maior parte dos indicadores para o manexo dos casos e infectados amosaron unha melloría. Para asegurar que continúe, o novo plan 2017-2020 pon o acento nas seguintes estratexias: diminuír o atraso diagnóstico, realizar unha avaliación social de todos os pacientes, mellorar o diagnóstico microbiolóxico, potenciar os estudos de contactos e de infección tuberculosa e seguir asegurando un bo manexo dos casos e o seu tratamento.