A Xunta de Galicia aposta por reforzar os servizos de atención á dependencia para chegar a un maior número de beneficiarios

O responsable da área social do Goberno galego destacou o crecemento experimentado polo sistema autonómico para a dependencia nos últimos oito anos, nos que se pasou de 14.000 a 50.000 persoas atendidas
Publicado por o día 12/05/2017 na sección de Social,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia aposta por reforzar os servizos de atención á dependencia para chegar a un maior número de beneficiarios

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou a evolución positiva do sistema para a autonomía e atención á dependencia en Galicia durante a conferencia que impartiu esta tarde pasada nas instalacións do Sporting Club Casino da Coruña con motivo dun encontro de asociados da Unión Democrática de Pensionistas (UDP). De feito, nos últimos oito anos pasaron de 14.000 a preto de 50.000 as persoas que teñen acceso aos diferentes servizos públicos de dependencia: axuda a domicilio, teleasistencia, centros de día, residencias ou axudas económicas.

A pesar de que Galicia comezou este ano 2017 situada por primeira vez dous puntos por riba da media nacional en canto a atención a dependentes con máis dun 72% de cobertura, Rey Varela expuxo na súa intervención os novos retos de lexislatura neste ámbito. Estes pasan pola mellora do financiamento dos sistema e por seguir ampliando o número de beneficiarios do mesmo cun novo incremento de servizos e recursos.

Ao respecto do financiamento, o conselleiro indicou que Galicia é unha das sete comunidades autónomas que forma parte da Comisión para a Análise do Sistema de Atención á Dependencia posta en marcha polo Goberno central seguindo o acordo do último cumio de presidentes autonómicos celebrada o pasado mes de xaneiro. Nesta comisión, Galicia avoga por un gran acordo de Estado que impulse a atención ás persoas maiores, e que debe ter en conta a porcentaxe de persoas de avanzada idade que ten a comunidade e a dispersión, así como as posibilidades de emprego asociadas a estes servizos.

No tocante á maior cobertura, o responsable da área social da Xunta explicou a proposta de construír sete residencias, unha en cada grande cidade de Galicia, o que fará posible que máis de 900 persoas accedan a estas novas prazas e, ademais, que se xeren ao redor de medio milleiro de empregos. No caso concreto da Coruña, o novo equipamento, con capacidade para 150 residentes e un orzamento estimado de 8 millóns de euros, está proxectado nunha parcela próxima ao parque de Eirís, na zona de Tras Hospital.

No seu relatorio, Rey Varela tamén detallou as características principais que terán estes sete novos centros. Así, a zona residencial será a máis ampla e a maioría das habitacións serán individuais e con baño. Ademais, como novidade, todas as residencias terán unidades xeriátricas e psicoxeriátricas diferenciadas co fin de ofrecer unha correcta atención e mellorar a calidade asistencial que padezan trastornos cognitivos severos. O resto das zonas das novas residencias destinaranse a usos sociais, área de atención especializada e espazos para recursos administrativos e servizos.

Por último, o titular de Política Social indicou outras actuacións en materia de maiores e dependencia, como a posta en marcha de novos servizos terapéuticos para persoas con alzhéimer e outras demencias, continuar coa lista de agarda cero no Servizo de Atención no Fogar con máis de 1.700 novas altas nesta prestación neste ano, o aumento do número de libranzas e a implantación da Historia Social Única Electrónica en todos os concellos, que permitirá reducir os tempos de tramitación e facilitará unha atención máis especializada e proactiva ao ter acceso de xeito inmediato a toda a información do usuario dos servizos sociais.