A Xunta de Galicia ponse a facer “Paripé Mulching” 3 meses despois dos lumes, cando xa choveu arreo, por dicir que fixeron algo en Ponte Caldelas

POR QUE NON TRAMITARON ISTO POR EMERXENCIA? POR QUE NON AXUDARON AO CONCELLO CANDO ORGANIZOU O MULCHING CO VOLUNTARIADO EN NOVEMBRO PASADO?
Por o 21/01/2018 | Sección: Galicia
A Xunta de Galicia ponse a facer “Paripé Mulching” 3 meses despois dos lumes, cando xa choveu arreo, por dicir que fixeron algo en Ponte Caldelas
Compartir en:

Opinión do Alcalde de Ponte Caldelas Andrés Díaz

15 de xaneiro.- Abraiados estamos de que a Xunta de Galicia acabe de desembarcar en Ponte Caldelas para facer tratamento do solo queimado nos incendios do 15 de outubro, coa técnica do “mulching”. Tres meses despois dos lumes, a burocracia de Santiago manda ao persoal da sociedade pública autonómica Seaga (un dos chiringuitos do Goberno de Feijoo) a facer o paripé botando palla por Silvoso e Parada.

Apareceron unhas pacas de herba no cruce de Regodobargo e no campo de fútbol de Silvoso. A min chamáronme veciños para preguntarme se repartíamos máis forraxe e dixen que non, porque xa cubrimos todas as necesidades. Facemos un par de chamadas e confírmannos que aos da Xunta déuselles por facer “paripé mulching” a estas alturas.
Desperdiciaron dous meses secos e chegan despois das choivas torrenciais de finais de decembro e principios de xaneiro. Elixiron un par de sitios de fácil acceso e, aínda máis, rodeados de vexetación, onde non parece que faga moita falta. Dá igual, hai que cubrir o expediente.

Eu pregúntome, por que non quixeron colaborar co Concello de Ponte Caldelas, cando nos puxemos mans á obra apenas unha semana despois dos lumes e fixemos tres xornadas de voluntariado coordinadas e organizadas directamente dende esta casa. E sen ningunha axuda máis que a dos propios voluntarios/as, que todo hai que dicilo.

Eu pregúntome, ¿A Xunta de Galicia non podía ter contratado isto polo procedemento de emerxencia? Porque isto si que era unha emerxencia. En cambio deixaron pasar 3 meses enteiros e que chovera arreo. Para o do trasvase andaban lixeiros coa canción da emerxencia ata que lles paramos os pés avisándolles de que ían camiño do xulgado.

Das axudas oficiais da Xunta aos damnificados do lume falamos outro día, porque todo apunta a que van quedar en nada. Pero ese é outro tema.

Por máis que intento comprender á Xunta de Galicia non o consigo.