A Xunta de Galicia reitera o seu compromiso coa prevención e a atención ás persoas afectadas da doenza do alzhéimer

Publicado por o día 02/08/2017 na sección de Galicia,Sanidad,Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia reitera o seu compromiso coa prevención e a atención ás persoas afectadas da doenza do alzhéimer

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá o centro de día especializado en alzhéimer Vigo-Beiramar, que xestiona a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (Afaga). Tras o percorrido polas instalacións, o conselleiro reiterou o compromiso coa atención a un colectivo que é prioritario para o Goberno galego.

Neste sentido, responsable da área social do Goberno galego destacou o traballo diario que neste campo leva a cabo Afaga ao prestar un apoio fundamental tanto ás persoas que padecen esta doenza como aos seus familiares. “Compartimos o obxectivo de mellorar a atención aos enfermos e a situación das familias”, indicou.

De feito, a Administración autonómica destina este ano máis de 323.000 euros ao mantemento de 40 prazas no centro de día desta entidade, no que ademais dos servizos básicos se desenvolven servizos terapéuticos dirixidos tanto aos usuarios como á familia coidadora. Así mesmo, neste centro se levan a cabo programas de estimulación cognitiva e motriz, de terapia asistida con cans, de estimulación con ferramentas baseadas nas novas tecnoloxías, de fisioterapia e terapia ocupacional, así como de laborterapia e musicoterapia.

O titular de Política Social fixo fincapé na importancia da prevención, e lembrou que Galicia conta cunha estratexia para a prevención e a detección precoz da dependencia que ten como finalidade as persoas maiores teñan unha calidade de vida mellor durante máis anos, garantindo unha vida activa, saudable, independente e segura.

Rey Varela sinalou que a Xunta seguirá completando nesta lexislatura os recursos e servizos de carácter terapéutico, facendo especial fincapé na atención cando as persoas presentan os primeiros síntomas e así poder actuar canto antes, previndo e retrasando na medida do posible o avance da enfermidade. Ao respecto, asegurou que “o mellor apoio que podemos prestar a estar persoas e ás súas familias é ofrecerlles uns servizos próximos ao lugar onde residen, da maior calidade e eficiencia posible”.