A voceira de Sanidade de En Marea e vicepresidenta da Mesa do Parlamento, Eva Solla, visitou esta tarde as novas instalacións do 112 na Estrada tras dous meses dende que tramitara a solicitude á Consellería de Vicepresidencia. Antes de acceder ao recinto mantivo unha xuntanza co Comité de Empresa, ao que lle restrinxiron a entrada ao recinto mentres durou a visita institucional..
Durante a visita ao Centro de Emerxencias de Galicia (solicitude feita por En Marea á que se sumaron esta semana o resto de grupos parlamentarios) Eva Solla denunciou que “a plataforma continúa dando fallos como levamos denunciando dende antes de que executaran o traslado”. Tras trasladarlle o apoio de En Marea ao persoal, que leva 47 días de folga, a parlamentaria tamén criticou que a Xunta de Galicia continúe “sen sentarse cos traballadores e traballadoras e sen resolver os problemas do sistema a pesar das múltiples denuncias”.
O comité de empresa trasladoulle á deputada de En Marea que esta mañá volveu haber parálise no sistema con ata dez chamadas en espera, o que causou un profundo malestar entre os usuarios do servizo. “Os propios bombeiros do 112 e os voluntarios de Protección Civil se están queixando do mal funcionamento derivado dos fallos da plataforma informática”, engadiu Solla.
Pola súa banda, o secretario do Comité de Empresa Carlos Barros lamentou non poder acompañar aos parlamentarios e parlamentarias. “Parécenos indignante que nos impidan dar a versión dos feitos cando temos claro que o que tentan facer con esta visita institucional é simplemente un lavado de cara”, sinalou Barros.
A Xunta tampouco permitiu o acceso ao edificio aos diferentes medios de comunicación que acudiron a facer cobertura da visita institucional.
Noticias de última hora en Vigo