A Xunta impulsa a Lei de agricultura no marco do Consello Agrario co fin de rematala nesta lexislatura

Será a norma que se encargue de rexer as cuestións relativas ao agro de xeito transversal para coordinar as accións que afecten aos produtores dende todos os ámbitos.
Por o 14/02/2017 | Sección: Vigo,Xunta de Galicia
A Xunta impulsa a Lei de agricultura no marco do Consello Agrario co fin de rematala nesta lexislatura
Compartir en:

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidiu esta mañá a reunión do Consello Agrario Galego, que tiña como punto destacado da orde do día impulsar a lei de agricultura, que estará lista nesta lexislatura. Así o avanzou a propia conselleira e explicou que será este “o órgano de asesoramento e diálogo no que se debata e desenvolva esta nova normativa para que saia adiante co maior consenso posible”.

Esta lei comezouse a deseñar a finais da anterior lexislatura e agora quéreselle dar un forte impulso co obxectivo de que estea lista nos próximos catro anos. A intención é que esta lexislación sexa o marco de actuación de todas as actividades que se desenvolvan no rural e, polo tanto, afecten aos produtores, teñan estas carácter agrario ou non. “Que ampare ao agro de xeito transversal”, explicou Ángeles Vázquez.

Neste sentido, este consello cobrará especial relevancia xa que será o foro no que se debatan e acorden as medidas que contemplará esta norma, así como coordinalas dende diferentes perspectivas. Este órgano intégrano tanto directores xerais e técnicos de Medio Rural, como portavoces sindicais e responsables doutras consellerías. Todos eles poderán aportar a súa visión ao respecto da nova lexislación e así enriquecer o texto definitivo con fin último de que recolla todas as sensibilidades.

Ademais desta cuestión, na orde do día da reunión contemplábase dar conta das axudas previstas pola Consellería do Medio Rural para o ano 2017, entre as que destacan a orde para a incorporación de mozos ao rural, mellorar as granxas e pequenas explotacións, que chegará aos 65 millóns de euros neste exercicio. Igual relevancia adquiren as subvencións para a transformación de produtos, especialmente no ámbito lácteo, que este ano alcanzan os 27,4 millóns de euros para subvencionar proxectos por valor de 128 millóns de euros.

Ángeles Vázquez sinalou tamén os avances no Programa Leader. “Xa están funcionando os Grupos de Desenvolvemento Rural, iso quere dicir que a poboación xa ten á súa disposición o orzamento preciso para facer os investimentos que crean precisos”, declarou a titular autonómica. Os 24 GDR nos que se divide o territorio galego recibirán 84 millóns de euros ata o ano 2020 para levar a cabo os seus proxectos.

Así mesmo, nesta reunión aproveitouse para presentar aos membros do consello os orzamentos e a lei de acompañamento definitiva, unha vez que foi aprobada polo Parlamento galego.