A Xunta impulsa a reforma da Lei de saúde que simplifica a organización territorial do sistema sanitario e o adapta ás novas necesidades poboacionais

Dotará de máis entidade ás áreas e potenciará o papel dos hospitais comarcais a través da creación de 14 distritos; simplificando a situación actual de once áreas, sete EOXIs e 14 hospitais
Publicado por o día 02/08/2017 na sección de Sanidad

A Xunta impulsa a reforma da Lei de saúde que simplifica a organización territorial do sistema sanitario e o adapta ás novas necesidades poboacionais

O Portal de Transparencia e Bo Goberno da Xunta de Galicia publica hoxe o anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia. A organización territorial do sistema público de saúde é unha das liñas fundamentais desta reforma xunto coa mellora da participación social no ámbito sanitario, a consideración de autoridade sanitaria, e o establecemento de principios básicos para a regulación da docencia, investigación e innovación.

A nova organización territorial pretende acadar unha utilización óptima dos recursos dispoñibles, tanto materiais como humanos, dentro do ámbito territorial da área sanitaria, con maior coordinación entre primaria e hospitalaria; ao tempo que favorece que a poboación galega dispoña en todo momento dunha organización sanitaria máis eficiente garantindo unha atención homoxénea e de calidade. A articulación territorial da Lei 8/2008 está xa superada na actualidade pola organización en Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (creadas a partir do Decreto 168/2010, do 7 de outubro). Este feito, unido á evolución da pirámide demográfica de Galicia, obrigan a revisar a división territorial actual.

A reforma establece a división por áreas sanitarias e, coa finalidade de manter a continuidade do sistema público de saúde existente, inclúe unha disposición transitoria única na que establece que en tanto non se estableza a ordenación territorial a través da elaboración do mapa sanitario, o ámbito xeográfico das áreas coincidirá co das actuais Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI): A Coruña; Santiago de Compostela; Ferrol; Lugo, Cervo e Monforte de Lemos; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; Pontevedra e O Salnés; e Vigo.

Ademais, existirán 14 distritos que se configuran como divisións das áreas, e que toman como referencia a institución hospitalaria no seu ámbito territorial; constituíndo un marco de referencia da actividade de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria que se establecerá arredor do hospital, e mantendo a agrupación de concellos que xa se realiza actualmente no decreto das EOXIs.

A principal vantaxe desta nova organización territorial é que permitirá unha coordinación entre primaria e hospitalaria máis efectiva, cunha cobertura asistencial realizada cos mesmos criterios asistenciais e de derivación entre centros, protocolos únicos de área, e maior interactuación de profesionais de ambos niveis asistenciais.

Participación social máis próxima no ámbito sanitario

A participación social no ámbito sanitario é un dos principios reitores do sistema público de saúde. A modificación que se pretende levar a cabo ten como finalidade simplificar as canles de participación partindo da existencia dun órgano a nivel autonómico e doutros en cada área sanitaria, algo que permitirá acadar unha participación máis realista e máis próxima aos pacientes. Nestes últimos estarán representados os concellos incluídos no territorio da área, os sindicatos, as organizacións empresariais e as asociacións de pacientes.

Regúlase o Consello Galego de Saúde e os Consello de Saúde de Área. O novo articulado formaliza a creación do Consello Asesor de Pacientes, e establécese que regulamentariamente se poderán establecer outros órganos de participación e consulta para ámbitos concretos de actividade sanitaria.

Modificación en docencia e investigación

A creación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) e a desaparición da FEGAS supuxeron un cambio nos modelos existentes de xestión do coñecemento. A reforma permite establecer os principios básicos para a regulación da investigación, a transferencia de coñecemento e o réxime de colaboración co sistema público de saúde de Galicia, facendo referencia expresa á innovación.

O título IX da Lei de Saúde, xa modificado coa aprobación da lei que autorizou a creación de ACIS (supuxo a derogación de todo o articulado dos capítulos II e IV), cambia a súa denominación e pasa a ser Da docencia, investigación e innovación.

Ademais, engádese un novo título para crear a Comisión Interdepartamental en materia de educación e saúde, que terá como obxectivo a coordinación de actuación entre as consellerías competentes no desenvolvemento das iniciativas neste ámbito. En concreto, realizarán propostas de actuación que estimen necesarias para acadar unha maior eficiencia na promoción da saúde no ámbito educativo.

A modificación da lei concreta tamén a condición de autoridade sanitaria, recoñecéndoselle a mesma á inspección dos servizos sanitarios, á inspección de saúde pública, e ás persoas titulares das xefaturas territoriais; ademais dos actuais xa recollidos na Lei 8/2008 (Consello da Xunta, titular da Consellería de Sanidade, e aos alcaldes e alcaldesas).

Reforma necesaria

A proposta normativa do Goberno galego servirá para acadar un sistema asistencial que obteña resultados satisfactorios para a cidadanía galega, a través dos profesionais do sistema sanitario e cunha organización sanitaria eficiente. Adáptase a normativa ás novas realidades e inclúe aspectos máis especificamente axeitados ao marco normativo actual (estatal, básico e autonómico), especialmente modificado polas Leis 39 e 40/2015, do 1 de outubro, reguladoras do procedemento administrativo e do sector público, respectivamente.

O obxectivo da Consellería de Sanidade é facilitar o maior grao de consenso e participación activa da elaboración da norma, polo que a partir de hoxe poderán presentarse no Portal de Transparencia pola cidadanía todas as suxestións que estimen oportunas.