A Xunta impulsa unha campaña de prevención da violencia de xénero no ámbito veciñal Escoitar

Destacaron a importancia que poden ter os veciños e veciñas á hora de detectar estes casos e axudar ás vítimas
Publicado por o día 20/01/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta impulsa unha campaña de prevención da violencia de xénero no ámbito veciñal Escoitar

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a presidenta do Observatorio de Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, Ángeles Carmona, presentaron onte en Pontevedra unha campaña de prevención da violencia de xénero no ámbito veciñal, que a partir de agora se estenderá a toda Galicia.

No acto tamén participaron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, a presidenta da Comisión de Igualdade da Asociación Española de Auditores Socio-Laborais, María Ángeles García, e a presidenta do Congreso, Ana Pastor.

O obxectivo desta iniciativa é chegar, directa ou indirectamente, a todas as asociacións de veciños de Galicia, en tanto constitúen o primeiro nivel de asociacionismo e coñecen de primeira man o seu contorno e os problemas que afectan aos seus veciños e veciñas. Deste xeito, poden xogar un papel vital á hora de axudar ás vítimas e detectar estas situacións.

Durante a campaña, a Xunta organizará xornadas en toda Galicia, ás que están convidados todos os representantes das asociacións veciñais. Nestas charlas, os participantes coñecerán pautas para previr e detectar casos de violencia de xénero. Ademais, entregaránselles trípticos con consellos sinxelos sobre as sinais dunha situación de violencia e como reaccionar ante ela.

Dáse así continuidade e compleméntase a liña de actuación posta en marcha o ano pasado coa sinatura dun convenio de colaboración cos administradores de fincas e os auditores socio-laborais para que prestaran o seu apoio para detectar as situacións de violencia de xénero nas comunidades de propietarios nas que estiveran presentes

A Xunta vén redobrando durante os últimos anos os seus esforzos na loita contra a violencia de xénero ano tras ano. O orzamento para a loita contra a violencia de xénero foi incrementándose cada ano, e para este 2018 é practicamente o dobre do que había hai 5 anos.

O obxectivo é seguir traballando en todas as frontes, como as axudas económicas ás vítimas de violencia, a atención médica e psicolóxica, a formación e o asesoramento legal e, por suposto, as campañas de sensibilización e concienciación en toda a sociedade.