A Xunta incrementa a contía das axudas aos entes locais para a realización de actividades dirixidas á mocidade

A nova orde de subvencións aumenta os importes máximos das achegas e potencia que se realicen iniciativas conxuntas
Por o 30/03/2017 | Sección: Galicia,Xunta de Galicia
A Xunta incrementa a contía das axudas aos entes locais para a realización de actividades dirixidas á mocidade
Compartir en:

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, continuou onte coas xuntanzas que está a manter con alcaldes, concelleiros de mocidade e técnicos de información xuvenil de toda Galicia coa finalidade de explicarlles as novidades máis destacadas deste departamento autonómico para este ano. Nesta ocasión, a reunión foi con representantes municipais e técnicos da provincia de Pontevedra e tivo lugar no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo.

En concreto, a responsable de Xuventude reuniuse en primeiro lugar cos representantes políticos, e a continuación entrevistouse cos técnicos de mocidade coa finalidade de explicarlles as nova orde de subvencións aos entes locais e o decreto que desenvolve a Lei de Xuventude. A estes encontros estiveron convidados os edís e técnicos de xuventude dos municipios de A Cañiza, A Estrada, A Garda A Lama, A Golada, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis ,Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelo de Montes, Gondomar, Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz Balneario, Mos, Nigrán, O Grove, O Rosal, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

En canto á nova liña de axudas destinadas ás entidades locais de Galicia para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á mocidade, Cecilia Vázquez remarcou a importancia de fomentar a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil, potenciando que se fagan conxuntamente entre varios concellos. Así, se incrementan os importes máximos ao dobre nas axudas individuais, pasando de 3.000 € a 6.000 €., de 8.000 nos programas que interveñan dous concellos a 15.000 €; e de 15.000 no que participen tres concellos ou a máis a 22.000 euros.

Poden solicitar estas axudas os concellos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos; as agrupacións de concellos lindeiros e/ou dunha mesma comarca, que se xunten para os efectos de levaren a cabo unha iniciativa local conxunta.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado comunicou que con esta orde se pretende potenciar os mellores proxectos nas áreas de Dinamización da información para a mocidade e nas Iniciativas locais emprendedoras, nas que se pretende que se presenten proxectos relacionados co emprendemento e coa empregabilidade da mocidade. Así mesmo, tamén se fai fincapé na promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a mocidade, na sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, no fomento da inclusión social e laboral e na accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.

Outros aspectos relevantes que se buscan reforzar coa nova orde son o fomento de actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa comunidade e na súa contorna, a dinamización da lingua galega, o fomento da participación e o empoderamento das mozas galegas, a conservación e posta en valor do medio ambiente e do patrimonio cultural e natural, o desenvolvemento e dinamización do medio rural, e a creación de espazos para a comunicación e as tecnoloxías da información e comunicación.

Por outra banda, Cecilia Vázquez expuxo tamén que se está a traballar no novo decreto de Xuventude, que desenvolve a Lei de Xuventude de Galicia, no que pretende contar cos técnicos que traballan no ámbito da mocidade. Con esta finalidade, levaranse a cabo xornadas provinciais cos técnicos de información xuvenil e xuventude, coas asociacións xuvenís e coas escolas de tempo libre para que saia un texto o máis participativo posible.

Este foi o terceiro encontro informativo despois dos que xa tiveron lugar na Coruña e Ourense. Esta directora xeral continuará con estas reunións para explicar a rexedores, concelleiros e técnicos no ámbito xuvenil as novidades das políticas da Xunta de Galicia dirixidas á mocidade. Así, a seguinte xuntanza está previsto que teña lugar o día 31 de marzo en Lugo. Cecilia Vázquez rematará esta rolda de xuntanzas o día 4 de abril en Santiago de Compostela cos concellos da provincia da Coruña que non asistiron a este primeiro encontro.