A Xunta informa aos concellos da área territorial de Vigo das axudas para a promoción da igualdade e apoio aos CIM

A convocatoria engloba a promoción da conciliación, a prevención e tratamento da violencia de xénero e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, informou hoxe aos representantes municipais da área territorial de Vigo da nova convocatoria de axudas ás entidades locais para a promoción da Igualdade, de forma individual e xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. O Goberno galego destinará a este programa máis de 4,2 millóns de euros.

Neste senso, López Abella referiuse ao ámbito municipal, “pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación”, como o idóneo para o desenvolvemento de accións tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, a prevención e a erradicación da violencia de xénero, así como para o establecemento das condicións que posibiliten a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social. Ao fío, a secretaria xeral remarcou o obxectivo común de acadar unha sociedade igualitaria e coas mesmas oportunidades para mulleres e homes.

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta convocatoria da que poderán beneficiarse os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupacións ou asociacións de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal. Con estas subvencións a Xunta pretende apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación así como tamén apoiar a Rede de Centros de Información ás Mulleres existentes en Galicia.

Ao igual que en anos anteriores, darase prioridade aos proxectos de xestión compartida, cun incremento de puntuación e, polo tanto, de subvención para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión desta orde de axudas.

A liña destinada á prevención e tratamento integral da violencia de xénero, cun orzamento de 352.000 euros, inclúe accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e coas persoas dependentes das vítimas; así como actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.

En canto a liña de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, cun orzamento de 524.926 euros, está enfocada ás medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como por exemplo os bancos de tempo.

Axudas aos CIM

O Goberno galego destina para o funcionamento dos Centros de Información ás Mulleres un total de 3.371.685 euros. Ao abeiro deste programa financiarase o persoal que traballa nos centros, concretamente os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero en relación coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco das actuacións que se desenvolven nos CIM.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM