A Xunta informa en Vigo da nova liña de axudas para impulsar a expansión comercial e as iniciativas innovadoras dos negocios

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, presentou hoxe en Vigo este pioneiro programa que apoiará máis de 130 proxectos de apertura de establecementos de compañías xa existentes, tendas ‘pop up’ e estratexias dixitais
Publicado por o día 01/09/2017 na sección de Galicia,Vigo

A Xunta informa en Vigo da nova liña de axudas para impulsar a expansión comercial e as iniciativas innovadoras dos negocios

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou a mañá de onte nunha sesión informativa con representantes do comercio da área de Vigo para informar, de primeira man, sobre a nova liña de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que ten por obxectivo impulsar a expansión comercial e dixital dos negocios.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén aberto o prazo para solicitar estas axudas, ás que destinarán 2 millóns de euros para o conxunto da comunidade, ata o vindeiro 11 de setembro. O obxectivo é chegar a máis de 130 proxectos no comercio de proximidade galego, contribuíndo así á mellora da competitividade do sector. O programa está destinado a pemes que veñan desenvolvendo a súa actividade comercial en Galicia durante os últimos dous anos, impulsando así o seu crecemento e innovación.

Por unha banda, apoiaranse con ata 30.000 euros os proxectos de expansión comercial, para a apertura de novos establecementos. O proxecto poderá basearse no desenvolvemento do mesmo proxecto comercial que xa estaba en marcha, na especialización ou diversificación de produtos, na especialización de servizos ao cliente ou en novas tendencias de consumo, e deberá incluír un compromiso de contratación de polo menos un traballador. Estas iniciativas deberán, así mesmo, responder a unha idea comercial innovadora.

Por outra parte, concederanse axudas de ata 3.500 euros para proxectos piloto pop up, consistentes na apertura por un prazo máximo de dous meses dun novo establecemento nun concello distinto ao que o comerciante veña desenvolvendo a súa actividade para testar un mercado ou un proxecto comercial innovador.

Os comerciantes tamén poderán acceder a apoios de ata 1.080 euros para a súa expansión dixital, co obxectivo de acceder a asesoramento profesional e especializado para a implantación e titorización dun plan de comunicación dixital personalizado e axeitado ao target do comerciante, definindo unha estratexia comercial dixital de expansión.

O novo programa enmárcase no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que contempla 55 accións específicas ata 2020, e que ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.