A Xunta inicia un novo curso nas súas escolas infantís de 0 a 3 anos con máis de 1300 nenos e nenas da área de Vigo admitidos

A Consellería de Política Social pon a disposición das familias un total de 22.439 prazas sostidas con fondos públicos, o que supón unha ratio de cobertura do 38% e sitúa a Galicia cinco puntos por riba da taxa recomendada pola Unión Europea
Publicado por o día 05/09/2017 na sección de Galicia,Vigo

A Xunta inicia un novo curso nas súas escolas infantís de 0 a 3 anos con máis de 1300 nenos e nenas da área de Vigo admitidos

As escolas infantís de 0 a 3 anos da ‘Galiña Azul’ da Consellería de Política Social inician na xornada de hoxe un novo curso escolar cun total de 1318 nenos e nenas admitidos na área metropolitana de Vigo. No seu conxunto, Galicia pon a disposición das familias 22.439 prazas sostidas con fondos públicos entre as que pertencen a centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a Axencia Galega de Servizos Sociais, as que dependen de centros de iniciativa social, as incluídas na rede de escolas municipais, as concertadas, as que se ofertan a través do Bono Concilia, as das casas niño e as que xestionan entidades como o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e as universidades.

Co motivo do inicio do curso, o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, se desprazou esta mañá ata Escola de Educación Infantil Rúa Palencia na cidade e compartiu con algúns dos nenos o arranque escolar.

A distribución por municipios da área admitidos é a seguinte: 546 menores en Vigo, 67 en Baiona, 103 en Cangas, 70 en Gondomar, 36 en Moaña, 79 en Mos, 70 en Nigrán, 116 en O Porriño, 88 en Redondela, 58 en Salceda de Caselas, 54 en Salvaterra de Miño e 31 en Soutomaior.

No que atinxe á lista de agarda, o inicio do curso rexistra 414 solicitudes que se poden acoller ao programa do bono concilia e recibir unha axuda, que oscila entre os 45 e os 250 euros mensuais en función da renda da unidade familiar, para contribuír ao pago da praza na escola infantil que elixan e que non conte con financiamento por parte da administración.

Así mesmo, cómpre salientar que na área territorial de Vigo se reservan 76 prazas para emerxencias e que o número de vacantes ascende a 37, a maioría das cales se corresponden con prazas non cubertas do grupo de idade de 0 a 1.

As 22.439 prazas que conforman a rede de escolas infantís en Galicia con investimento público supoñen unha taxa de cobertura do 38%, cinco puntos por riba da media aconsellada pola Unión Europea.

Outras melloras son que nos períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa está contemplada a apertura dunha escola infantil por localidade independentemente da demanda que exista. Ademais desta medida, que afecta aos equipamentos que xestiona a Axencia Galega de Servizos Sociais, por primeira vez e neste caso tanto nas escolas xestionadas pola Axencia como nas dependentes do Consorcio, ábrese a posibilidade de solicitar un traslado de centro dentro dun mesmo concello por motivos de cambio de domicilio ou lugar de traballo e fóra dos prazos ordinarios.