A Xunta inicia a tramitación da Lei de ordenación farmacéutica, que actualizará a regulación das farmacias galegas conforme os cambios normativos e a realidade social

“Traballamos coa previsión de que a nova Lei poida ser aprobada definitivamente no Consello na primeira metade de 2018”, afirma Feijóo
Por o 28/12/2017 | Sección: Salud,Xunta de Galicia
A Xunta inicia a tramitación da Lei de ordenación farmacéutica, que actualizará a regulación das farmacias galegas conforme os cambios normativos e a realidade social

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou o inicio da tramitación do Anteproxecto de lei de ordenación farmacéutica, que actualizará a regulación que rexe as farmacias galegas para adaptala aos cambios normativos dos últimos anos e á nova realidade social. Este novo texto legal virá substituír ao que está vixente, que data de 1999, para responder de modo máis eficaz ás necesidades e demandas actuais dos profesionais e usuarios das farmacias.

A actual Lei de ordenación farmacéutica foi modificada parcialmente en tres ocasións, en 2005, 2006 e 2011, pero estas modificacións resultaron insuficientes. Ademais, é necesario adaptala á lexislación básica estatal que se aprobou neste período. “Traballamos coa previsión de que a nova Lei poida ser aprobada definitivamente no Consello na primeira metade de 2018”, afirmou Feijóo. As principais novidades que introduce a lei son a axilización dos concursos públicos para as novas farmacias (tanto para os que xa son titulares dunha como para farmacéuticos sen farmacia), a regulación da venda de produtos sanitarios por internet e a introdución da posibilidade da atención farmacéutica a domicilio.

Apertura ou traslado de farmacias

A futura Lei axilizará o proceso de autorización e adxudicación dunha farmacia. Organizarase un concurso público estruturado en dúas fases: á primeira, de traslado aos establecementos vacantes, só poderán concorrer farmacéuticos que sexan titulares ou cotitulares dunha farmacia establecida en Galicia; a segunda, que cubrirá as vacantes deixadas pola primeira fase, estará aberta a farmacéuticos que non teñan unha farmacia nin dentro nin fóra de Galicia. O presidente da Xunta indicou que o proceso se fai así “máis accesible” para os titulados en Farmacia sen grandes capacidades económicas.

Para garantir a prestación de servizos farmacéuticos naqueles lugares onde só haxa unha farmacia, a nova Lei incorporará a posibilidade de limitar os traslados cando se aprecie que a atención sanitaria pode quedar prexudicada. Será a Consellería de Sanidade quen aprobe de oficio o inicio dos concursos públicos para adxudicar novas farmacias, que convocará aos participantes a un acto público, no que se asignarán os establecementos por orde de puntuación.

Outras novidades relativas á apertura ou traslado das farmacias son a introdución da posibilidade de solicitar un aval aos adxudicatarios, a elevación de 3 a 15 anos do período mínimo para poder transmitir un establecemento adxudicado en concurso público e a desaparición da caducidade das autorizacións administrativas a partir de que o farmacéutico titular faga 70 anos.

Con respecto ás boticas anexas —establecementos máis pequenos onde se despachan medicamentos, asociados a unha farmacia—, Feijóo avanzou que se abre a posibilidade para que, para autorizar novas farmacias, se prevea instalar unha botica anexa nunha zona de difícil acceso ou onde o peche dunha farmacia deixe sen atención a unha zona determinada.

Venda por Internet e malas prácticas

Feijóo recordou que é ilegal vender medicamentos suxeitos a prescrición médica por Internet, pero si se poden comercializar produtos sanitarios ou fármacos sen receita. Para adaptar a lexislación galega a esta realidade (que non se daba en 1999), a nova Lei recollerá as novidades introducidas por un Real Decreto estatal do ano 2013.

Fóra do ámbito online e para garantir a máxima seguridade dos consumidores, tamén se prohiben expresamente outras malas prácticas como por exemplo a venda en farmacias de produtos que non sexan propios desta canle, que se leven a cabo actividades comerciais por parte de sociedades mercantís distintas do titular da farmacia, a venda ambulante de medicamentos, a cesión de espazos a terceiras persoas para desenvolver calquera actividade (aínda que teñan relación co ámbito sanitario) e a entrega de regalos de cortesía que non teñan valor de mostras.

Farmacia a domicilio

A futura Lei de ordenación farmacéutica permitirá tamén que a atención farmacéutica comece a prestarse a domicilio, tal e como anunciou Feijóo. Farase só nuns supostos moi taxados, como en caso daquelas persoas que non poden desprazarse ata a farmacia debido a unha patoloxía crónica ou á perda de autonomía, e de xeito excepcional. Ademais, a oficina non poderá quedar desatendida.

Por último, Feijóo enumerou algunhas das outras reformas que introduce a Lei: a actualización das funcións das farmacias hospitalarias e dos centros sanitarios e de servizos sociais, a renovación dos dereitos do usuario farmacéutico e a incorporación dos seus deberes, a introdución do réxime de reforma dos locais e da revogación da autorización daquelas oficinas onde se incumpran as obrigas de dispensación de medicamentos e a actualización do réxime sancionador, de acordo coas prohibicións mencionadas.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.