A Xunta investiu máis de 3,4 millóns de euros na reestruturación parcelaria da zona de Cures, no concello coruñés de Boiro

Ángeles Vázquez reiterou a necesidade de seguir avanzando nestes procesos de reorganización do territorio, xa que son fundamentais para o despegue socio-económico do agro galego
Publicado por o día 24/03/2017 na sección de A Coruña,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta investiu máis de 3,4 millóns de euros na reestruturación parcelaria da zona de Cures, no concello coruñés de Boiro

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, desprazouse esta mañá ata o concello coruñés de Boiro para coñecer a situación actual da parcelaria da zona de Cures-Boiro, onde se levan investidos máis de 3,4 millóns de euros. Acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e o alcalde do municipio, Juan José Dieste, a conselleira supervisou as obras dos camiños secundarios, para o que se destinou algo máis de 600.000 euros.

A conselleira reiterou a necesidade de seguir avanzando nestes procesos de reorganización do territorio, xa que son fundamentais para o despegue socio-económico do agro galego. No caso de Cures-Boiro, que actualmente está en fase de acordo, beneficiaranse deste proceso un total de 1.378 veciños, propietarios de 9.871 parcelas. Así, coa reestruturación, os propietarios verán aumentada a súa base territorial, xa que a superficie media da nova parcela aumentará en máis dun 325%.

Grazas a este redimensionamento, engadiu a conselleira, as explotacións da zona serán máis rendibles, posto que incrementan a súa base territorial e iso permitiralles abaratar custos de produción, á vez que aumenta a súa sustentabilidade e competitividade no mercado. O obxectivo do Goberno galego é, precisamente, seguir avanzando nestes procesos de reorganización, co fin de rematar nos vindeiros 4 anos as 130 parcelarias que están abertas nestes intres, e que benefician a 92.000 propietarios.

Neste senso, Ángeles Vázquez destacou que a reestruturación parcelaria conforman un dos grandes eixes do plan de fixación de poboación no medio rural, para o que se destinan un total de 230 millóns neste ano. A conselleira sinalou que a cohesión territorial é un dos eidos máis importantes sobre os que xira dito plan, cun investimento programado de 72 millóns de euros. A titular de Medio Rural avanzou que, ademais de pechar os procesos que están arestora vivos, preténdese tamén iniciar outros novos, priorizando sempre aqueles que verdadeiramente respondan ao interese xeral, que favorezan a creación de base territorial para explotacións e xeren actividade económica.

Reunión coa xunta local

A conselleira do Medio Rural tamén tivo unha reunión previa coa xunta local desta zona para analizar a situación actual da parcelaria e os procesos que lle seguen. Actualmente atópase en fase de acordo e estanse colocando os marcos nas parcelas para poder entregar as novas leiras, co obxectivo de que os veciños poidan facer uso delas o antes posible.