A Xunta investiu no Concello de Baiona máis de 3,6 millóns de euros nos últimos 12 meses

O delegado do Goberno galego en Vigo e o alcalde da localidade pontevedresa destacaron especialmente as obras de reordenación no porto pesqueiro, que permitirán acabar cun punto negro nesta vila mariñeira
Publicado por o día 09/08/2017 na sección de Baiona,Galicia

A Xunta investiu no Concello de Baiona máis de 3,6 millóns de euros nos últimos 12 meses

A Xunta investiu na localidade pontevedresa de Baiona máis de 3,6 millóns de euros nos últimos doce meses. A esta cifra referíase esta mañá o delegado do Goberno galego na área territorial de Vigo, Ignacio López-Chaves, quen tivo ocasión de reunirse co alcalde da vila mariñeira, Ángel Rodal, e facer repaso das actuacións realizadas.

Ambos os dous aproveitaron a ocasión para referirse ao potencial turístico de Baiona, que segundo dixo o rexedor marca o cen por cento da ocupación hoteleira, datos que, salientou López-Chaves, poñen en evidencia “o atractivo desta vila histórica como destino”. O incremento no número de peregrinos é do 40 por cento respecto a xullo do 2016, atendendo aos datos que manexa a oficina de Turismo do Concello.

En canto á principal obra en execución nestes momentos, tanto o delegado da Xunta coma o alcalde coincidiron en destacar como a máis relevante a reordenación no porto pesqueiro, que permitirá acabar cun punto negro da localidade. Estes traballos enmárcanse no proxecto de asfaltado nas travesías da estrada PO-552 ao seu paso por Baiona.

As obras, adxudicadas o pasado mes de marzo e que suporán unha mellora da seguridade viaria desta zona, contemplan un investimento de preto de 500.000 euros neste proxecto que inclúe, ademais da recuperación do firme, a execución dunha nova glorieta e o ensanche da plataforma, reservando unha zona á parada de taxis e bus.

Co fin de non interferir na tempada estival, época de maior recepción de turistas na vila pontevedresa, acordouse deixar para outubro, por petición expresa do Concello de Baiona, unha segunda fase de intervención que contempla a execución dunha nova glorieta. Esta actuación mellorará notablemente as manobras de acceso e saída ás instalacións da lonxa e do porto deportivo de Baiona, desde a estrada autonómica, ademais de acadar unha reordenación do tráfico na travesía ao permitir realizar a manobra de cambio de sentido con total seguridade.

Neste senso, Rodal informou de que se executará á par a senda ciclista, de 250 metros segundo especificou o alcalde, no Paseo de Alfonso IX. O prazo de execución do carril, entre os puntos quilométricos 16+400 e 16+650, é de tres meses e, tal e como recordou o delegado da Xunta en Vigo, conta cun orzamento de máis de 140.000 euros.

Por último, López-Chaves citou tamén os obradoiros de emprego, unha actuación enmarcada na Axenda 20, cos que o Goberno galego busca aumentar as oportunidades laborais. Concretamente á mancomunidade do Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán) concedéuselle o Valmiemprega II, adicado ao turismo e a tecnoloxía web, e ao Padroado Municipal de Beiramar o Moaña Laboral II, centrado na atención sociosanitaria a domicilio e a xardinería, especialidades que comparte Cangas no obradoiro Granxa da Rúa II. Neles a Xunta inviste máis de 420.000 euros.