A Xunta inviste 650.000 euros en maquinaria para a formación dos alumnos do Centro Integrado de Formación Profesional de Coia

O obxectivo do CIFP de Coia é abordar programas formativos centrados en cualificar e especializar profesionais para dar resposta aos sectores produtivos
Publicado por o día 27/12/2017 na sección de Educación,Galicia,Vigo

A Xunta inviste 650.000 euros en maquinaria para a formación dos alumnos do Centro Integrado de Formación Profesional de Coia

A Xunta investiu no último ano un total de 650.000 euros na dotación de maquinaria para a formación dos alumnos matriculados no Centro Integrado de Formación Profesional de Coia, tal e como este mércores destacou o delegado territorial, Ignacio López-Chaves. O fixo durante unha visita as instalacións deste centro formativo vigués na que estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial. .

Segundo dixo, “a renovación do centro pretende a adaptación das especialidades formativas aos requirimentos técnicos e tecnolóxicos da industria 4.0”. Estas melloras véñense abordando desde o ano 2016 coa mellora das infraestruturas e sistemas informáticos, dos equipos e máquinas industriais e das instalacións do propio centro.

Así, neste 2017 abordouse a renovación informática coa adquisición de 168 novos ordenadores, de modo que actualmente o total dos equipos informáticos de última xeración en aulas e talleres é de 200. Asemade, aprobouse a adquisición dunha nova aula-taller de automatismos (equipada con autómatas, robot e sistemas de regulación), dun robot ABB de última xeración e equipos Siemens para o taller de electricidade.

No caso do taller CNC (Control Numérico por Computadora) dotarase dun centro mecanizado con cinco eixos, unha máquina de corte por láser e outra de medición por coordenadas 3D, un torno convencional e unha fresadora vertical. Cinco equipos de soldadura MIG, unha cámara de conxelación e outra de conservación completan a nómina de melloras contempladas no actual exercicio, no que cómpre destacar a implantación da primeira fase do proxecto de eficiencia enerxética Smart CIFP Coia.

Alto índice de empregabilidade

Dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, o Centro Integrado de Formación Profesional de Coia en Vigo, no que se forman unha media de 450 alumnos ao ano, aborda programas formativos centrados en cualificar e especializar profesionais para dar resposta aos requirimentos dos sectores produtivos como a automoción, o naval ou o aeronáutico, entre outros. Sectores que demandan profesionais con coñecementos e capacidades axeitados as novas estratexias técnicas e tecnolóxicas da industria de Vigo e a súa área de influencia.

As especialidades formativas que se imparten neste centro encádranse nas seguintes familias profesionais: Instalación e mantemento (mecatrónica Industrial, redes e instalación de fluídos e frío industrial), fabricación mecánica (máquinas e ferramentas por CNC, automáticas e manuais), electricidade e electrónica (automatismos e robótica), informática e comunicación (microinformática) e transporte e mantemento de vehículos (electromecánica, chapa e pintura do automóbil e outros medios de transporte).

Como novidade, en formación profesional non regrada (Accións Formativas dirixidas prioritariamente a Desempregados, AFD) contémplanse 22 especialidades formativas enmarcadas en nove familias profesionais. Ademais, o centro estrea o novo ciclo superior en automatización e robótica, con 22 alumnos matriculados. Especial fincapé faise na formación en materia de seguridade e saúde laboral.

Por último, o delegado territorial chamou a atención sobre o índice de inserción laboral do Centro Integrado de Formación Profesional de Coia, que oscila entre o 100% do ciclo superior de Mecatrónica Industrial e o 75% da formación profesional non regrada. Neste senso, recordou que a folla de ruta no horizonte do 2020 é reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.