A Xunta licita a redacción do proxecto da 1ª fase da continuación da autovía da Costa da Morte

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda visitou hoxe o Centro de Conservación desta autovía, que xa permitiu dous millóns e medio de desprazamentos máis seguros e cómodos nos seus oito meses de vida
Publicado por o día 31/03/2017 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta licita a redacción do proxecto da 1ª fase da continuación da autovía da Costa da Morte

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitou hoxe o Centro de Conservación da autovía da Costa da Morte, onde mantivo un encontro cos alcaldes de Cabana de Bergantiños, José Muíño, Coristanco, Amancio Lavandeira, Vimianzo, Manuel Antelo, e Carballo, Evencio Ferrero, aos que lle trasladou que hoxe o Diario Oficial de Galicia publica a licitación da redacción do proxecto construtivo da primeira fase da continuación da autovía entre Baio e a estrada de Camariñas (AC-432).

A Xunta destina un investimento de 22 millóns de euros a esta prolongación, que permitirá aproveitar os investimentos xa realizados, ao construírse sobre terreos xa expropiados e co movemento de terras executado ao 40%. Neste sentido, a titular de Infraestruturas explicou que para a realización desta ampliación, o Goberno galego apostou pola vía orzamentaria, sen recorrer ao réxime concesional, xa que isto blinda a viabilidade da obra, que se executará co orzamento garantido, evitando incrementar compromisos futuros de gasto da Administración.

Vázquez Mourelle indicou que tal e como ten comprometido o presidente da Xunta no acto de posta en servizo da autovía da Costa da Morte, o Goberno galego vaille dar continuidade a este eixo de comunicación para seguir contribuíndo á vertebración de toda esta comarca.

O Executivo autonómico avanzará na execución desta ampliación por fases, segundo as dispoñibilidades orzamentarias, facendo así realidade o antes posible o compromiso adquirido cos veciños.

Trátase dunha vía de altas prestacións duns 5,5 km preparada para a súa conversión en autovía cando así o aconsellen os tráficos. Será necesaria a construción de 5 pasos superiores, 2 inferiores e 4 viadutos.

O contrato licitado hoxe recolle, ademais, un estudo sobre a necesidade de habilitar un terceiro carril de circulación para a correcta funcionalidade da sección cunha soa calzada e analizará tamén a viabilidade de executar un ramal de conexión, de aproximadamente 1,5 km, co polígono de Vimianzo.

O prazo para a redacción do proxecto deste novo treito é de 12 meses, o que significa que no ano 2018 contarase co proxecto construtivo redactado.

2,5 millóns de desprazamentos

A conselleira destacou que a autovía da Costa da Morte, con 27 km libres de peaxe entre Carballo e Baio e un investimento duns 170 millóns de euros, permitiu máis de dous millóns e medio de desprazamentos máis seguros e cómodos nos seus oito meses de vida, xa que se puxo en servizo o pasado 29 de xullo.

Ethel Vázquez visitou hoxe o Centro de Conservación da autovía e tivo a oportunidade de coñecer, in situ e máis en profundidade, o seu funcionamento. Así, comprobou como os medios técnicos e humanos están dispostos e preparados 24 horas e 7 días á semana para atender e resolver calquera eventualidade que poida xurdir na infraestrutura.

Nesta xuntanza tamén se analizou a evolución do tráfico nesta infraestrutura, tras os datos obtidos das medicións realizadas entre Carballo e Vimianzo, tanto na propia autovía como na estrada autonómica AC-552. Estes datos reflicten que no treito de autovía entre Carballo e Baio transitan no entorno dos 6.000-7.000 vehículos ao día, incrementándose no verán ata 8.000. Os rexistros tamén demostran que o volume vai decrecendo segundo se avanza cara a Vimianzo, reducíndose case á metade no último treito, na variante de Baio, onde circulan no entorno de 4.000 vehículos ao día.